Blanco e Touriñán enchen en Lugo co espectáculo que idearon en 'Fariña'

Os dous cómicos representaron 'Somos criminais', que xorde tras ter coincidido na rodaxe da serie televisiva de Atresmedia

Carlos Blanco e Touriñán representaron 'Somos Criminais' no Auditorio Gustavo Freire. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Carlos Blanco e Touriñán representaron 'Somos Criminais' no Auditorio Gustavo Freire. VICTORIA RODRÍGUEZ

Os cómicos Carlos Blanco e Xosé Touriñán continúan a exitosa xira do seu espectáculo 'Somos criminais', que se xestou durante a participación de ambos os dous na serie televisiva de Atresmedia Fariña. O auditorio Gustavo Freire de Lugo foi testemuña cun cheo dunha nova mostra dese éxito que ten esta montaxe dende antes de empezar a ser representada, pois vendera 25.000 entradas.

A Illa de Arousa, Vimianzo, Viveiro, Ferrol, Cangas, A Coruña, Vilalba, Lugo, Vilagarcía, As Pontes, Santiago, Vigo, Ourense, Pontevedra, Ponteareas, A Rúa, Burela e Narón son os lugares que Touriñán e Blanco visitaron e visitarán con 'Somos criminais'.

Carlos Blanco foi quen tivo a iniciativa de facer un espectáculo xunto con Touriñán, porque asegura que lle gusta traballar con profesionais aos que admira.

CULTURA PROPIA. As preguntas que se fan no espectáculo é se "temos unha cultura criminal propia? Delinquimos como galegos?" Para responder a estas cuestións, ambos os cómicos "analizan e dramatizan crimes autóctonos en todas as súas variables, desde o crime por arroutada ata o crime por acumulación de mala hostia, pasando polo crime familiar por causa das herdanzas, o asasinato por suxestión ou as orixes do narcotraficante galego", segundo indican os promotores do espectáculo.

Os dous actores, dos máis prolíficos da comedia en Galicia, uníronse por primeira vez nun espectáculo conxunto. Baseáronse nun texto inédito de José Prieto no que traballaron para completalo e darlle forma. Contaron coa dirección técnica de Dani Juncal.

'Somos criminais' é unha produción de Condetrespés e Undodez, coa colaboración de Ainé Producións.

Comentarios