lunes. 18.11.2019 |
El tiempo
lunes. 18.11.2019
El tiempo

A biblioteca de Vilalba recibirá 7.000 libros da colección de Fernández Paz

Agustín Fernández Paz. AEP
Agustín Fernández Paz. AEP
O Concello habilitará unha sala para estas obras, que se poñerán a disposición da veciñanza ►A cesión asinouse en 2018 pero os herdeiros seguen á espera de cumprir co desexo do escritor

A biblioteca municipal de Vilalba recibirá unha doazón de 7.000 libros da colección persoal do escritor vilalbés Agustín Fernández Paz, falecido en xullo de 2016.

O Concello habilitará unha sala para dar cabida a estas obras no primeiro andar da biblioteca e os libros poñeranse a disposición da veciñanza, previsiblemente de cara ao curso que vén.

Agustín Fernández Paz, autor de máis de medio cento de títulos e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, expresou nas súa últimas vontades o seu desexo de que parte da súa biblioteca persoal pasase a formar parte do centro vilalbés e en marzo de 2018 os herdeiros do seu legado asinaron co Concello de Vilalba unha aceptación da doazón.

«Daquela aceptaron os fondos pero non pasou nada máis, non houbo ningún avance e os libros de Agustín continúan á espera, gardados en caixas en Redondela», indica Isabel Souto, quen se encarga do legado de Fernández Paz, ao tempo que explica que outra parte da súa biblioteca, conformada por máis de 5.000 volumes, xa está na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura de Santiago, pendente de catalogación. Outros fondos, de carácter máis pedagóxico, pertencen xa ao Mupega.

«Para nós é importante ver cumprido o desexo de Agustín e ter un lugar para o recordo e que a xente poida acceder aos seus libros, non entendemos este desleixo», explica Souto, ao tempo que destaca que Vilalba, sempre presente na obra de Fernández Paz, «era o fondo do seu ser».

Tras o cambio de goberno en Vilalba, os responsables do legado do escritor vilalbés reiniciaron as reunións co novo goberno local coa intención de materializar a cesión. «Esperemos que vaia ben desta vez e que recollan os libros canto antes», apuntan, mentres indican que o paso do tempo -xa van tres anos dende a morte de Fernández Paz- pode danar as obras.

Dende o Concello mostran o seu interese en que se cumpra o acordo da aceptación da cesión e indican que no mes de setembro iniciarán as actuacións para habilitar un espazo na biblioteca, que aínda non está decidido se será único e exclusivo para colección de Fernández Paz.

«Para nós é un pracer recibir estes libros e interesámonos dende que tivemos coñecemento, é un atentado conta a cultura deixar pasar esta oportunidade», expresou a edila vilalbesa Vanesa Siso, que asegurou que o goberno local «ofrecerá todas as facilidades» porque esta colección «é un tesouro para Vilalba».

A cesión inclúe gran variedade de obras, «moi representativas dos gustos de Agustín», destaca Isabel Souto, que explica que hai unha gran colección de novela negra, que «a el lle gustaba moito», moitas obras de literatura infantil de diversos lugares -española, vasca, catalá, galega ou portuguesa-, libros de poesía e tamén moitos cómics, outro xénero que lía moito o escritor vilalbés.

A biblioteca de Vilalba recibirá 7.000 libros da colección de...
Comentarios