Baldo Martínez e Nani García estrean un novo festival en Lugo, o Santjazz

A factoría cultural Caldiae impulsa esta iniciativa, que se celebrará por primeira vez entre os días 24 e 26, cando tamén actuarán o premiado Ariel Brínguez ou os lucenses Foolmakers
undefined
photo_camera Baldo Martínez, co contrabaixo, nun concerto. SEBAS SENANDE / AEP

A factoría cultural Caldiae, que conforman os cines Códex, a sala de concertos Tebras e o restaurante Vexetarian baixo o impulso de Eloi Caldeiro, acolle o festival Santjazz a vindeira fin de semana. Tres días de música diversa cuxo protagonista indiscutible será o jazz.

Durante os días 24, 25 e 26 de setembro, catro dos mellores artistas do panorama do jazz actuarán nas instalacións de Caldiae, situado na Praza Viana do Castelo, onde tamén se ofrecerán ceas e coloquios. As entradas pódense mercar a través do portal www.caldiae.gal.

Arrancará este próximo venres ás 20.30 horas coa charla, de balde, a cargo do crítico musical Mario Benso. O xixonés é todo un apaixoado do jazz, descubriuno con só 13 anos e desde entón formou parte da coordinación de múltiples festivais, ciclos musicais e actuacións por toda España. Falará deste xénero, nacido en Nova Orleans a finais do século XIX e da súa transición e transformación ata a actualidade. A entrada para esta actividade será libre ata completar a cabida de 90 persoas no auditorio Caldiae.

Despois, ofrecerá unha cea-coloquio no restaurante Vexetarian cuxo aforo máximo serán 40 persoas.

Ás 24.00 horas vivirase o primeiro concerto do Santjazz e será por todo o alto, da man de Baldo Martínez xunto a Jacobo de Miguel ao piano -instrumento que nunca antes incorporaran nos seus proxectos- e Lucía Martínez na batería e percusión. Esta demostración de auténtico jazz contemporáneo celebrarase na sala Tebras.

Pola súa parte, o sábado 25 será a quenda da cea-concerto dos lugueses Foolmakers, ás 22.00 horas no Vexetarian. É un grupo formado no ano 2013 da man de catro psiquiatras do Hula. A intérprete Paula Cores, o piano de Luís Vila, a guitarra de Sergio Abuín, a batería de José Ángel Sánchez e o baixo de Carlos Doval son quen de adaptar algunhas das composicións míticas do jazz á lingua e á realidade galegas, en especial á de Lugo, provincia que percorreron nas súas actuacións.

Ese mesmo día, as 00.30 horas, subirá ao escenario da sala Tebras un dos pratos fortes do programa que impulsa Caldiae. Nani García Trío achegará ao público asistente antigos temas, retallos de bandas sonoras e composicións reformuladas en clave de jazz, ademais de pezas totalmente novas. Soarán da man do recoñecido músico, cuxa traxectoria se remonta a finais da década dos 70, o contrabaixista Simón García e o batería Miguel Cabana, dous mestres nos seus respectivos instrumentos.

Pecha a primeira edición do festival Santjazz o quinteto de Ariel Brínguez ás 20.30 horas, tamén en Tebras.

O saxofonista cubano, cuxas raíces se palpan a través da súa música, atesoura numerosos galardóns, como dous Grammy pola súas colaboración con Chucho Valdés e Alejandro Sanz en "El tren de los momentos", ademais de que percorreu boa parte do mundo coa compañía de Joaquín Cortés tras formra parte da Latin Big Band de David Murray.

Neste caso, o público lugués poderá desfrutar do seu traballo "Nostalxia cubana", no que o acompañan os músicos Georvis Pico, Pablo Gutiérrez, Javier Sánchez e Reinier Elizarde.

Comentarios