Bala, Novedades Carminha, Toundra e Monstruo, no Osa do Mar burelense

O certame desenvólvese venres e sábado na Marosa. Os concertos complétanse con deporte e talleres
La banda Novedades Carminha
photo_camera La banda Novedades Carminha

A localidade luguesa de Burela, na Mariña, acolle desde este venres a segunda edición do Festival Osa do Mar, cun cartel no que figuran bandas como Novedades Carminha, Bala, Toundra, Cuchillo de Fuego, Cápsula e Monstruo, entre outros.

O Osa do Mar defínese como unha cita musical —que se desenvolve na zona da praia da Marosa— que fusiona diferentes estilos para conformar un repertorio "alternativo". "É a expresión do estado actual da música galega, un intento de mostrar o gran momento creativo que atravesan o elevado número de grupos galegos de calidade acompañados por bandas de diferentes puntos do estado e de Portugal", explicaron os organizadores.

Así, aseguran que a oferta cultural e musical é "única e innovadora", nunha fin de semana —este venres e este sábado— de "festa completa", coa "boa música alternativa como fío condutor" pero ofrecendo outras actividades deportivas e culturais de interese que involucran a distintos públicos e asociacións.

Pretende reivindicar e dinamizar unha comarca "viva" e que "desborda potencial por todos os poros", sinala a organización.

Entre este venres e este sábado, máis de 20 bandas subiranse ao recinto do Osa do Mar e haberá tempo para campionatos de BMX, skate, patíns e longboard, actividades como surf, padel surf, bicis e kaiak, unha ruta BTT, exposición de vehículos clásicos, de grafiti e talleres para nenos.

Da organización encárgase a asociación cultural Fanto Fantini, de nova creación e sen ánimo de lucro, que se formou dun grupo de máis de 50 profesionais de diversos ámbitos con ganas de levar a cabo proxectos para ampliar a oferta cultural e deportiva na Mariña de Lugo.

O venres, os concertos no recinto arrincarán ás 20.00 horas con Banda Crebinsky e seguirán con Black Bombaim, Rosvita, Sra Sr Sra, Novedades Carminha, Toundra, Cuchillo de Fuego e e Nistra.

O sábado haberá unha sesión vermú desde as 12.30 horas, con The Lost Omelette Makers, Alex Casanova, True Mountains e The Blind Crows.

Ás 17.00 horas tocarán na praia Batuko Tabanka —grupo integrado por máis de 20 mulleres de orixe caboverdiano— e ás 18.30 horas será a quenda para Bala, no mesmo lugar.

A noite comezará con Sofá Ambulante e seguirá ata o peche con When Nalda Became Punk, Hexany, Disco Las Palmeras!, Sexy Zebras, Cápsula, Monstruo y Pálida.

Comentarios