"Até o Vaticano II, a Igrexa non foi especialmente belicosa coa lingua"

Ramón Villares afondou en Lugo no seu novo libro, 'Galicia, una nación entre dos mundos'
Ramón Villares, con Lois Caeiro, Lourdes Abuide, Blanca García Montenegro e Blanca de Cora García-Montenegro, nun acto cheo de asistentes. XESÚS PONTE
photo_camera Ramón Villares, con Lois Caeiro, Lourdes Abuide, Blanca García Montenegro e Blanca de Cora García-Montenegro, nun acto cheo de asistentes. XESÚS PONTE

"A identidade non é algo que se poida comprar nas farmacias. A identidade constrúese e destrúese sistematicamente. En Galicia, a construción da nación-cultura foi obra dos intelectuais e, aínda que a Igrexa non foi belicosa coa lingua galega até o Vaticano II, si tivo un papel esencial nesa destrución sistemática".

Con estas palabras sobre a identidade galega arrincou este martes, na sede Afundación de Lugo, o historiador Ramón Villares a presentación do seu novo libro, Galicia, una nación entre dos mundos, nun acto dentro dos Encontros en El Progreso que contou coa presenza do exdirector do xornal Lois Caeiro, e a periodista Lourdes Abuide.

Villares defendeu que o seu novo traballo "non é un libro definitivo, pero si o resultado de moitos anos de reflexións para tratar de facer visible e presentarnos cara fóra dun modo intelixible".

O historiador explicou que o seu novo ensaio está concibido "para lectores galegos e non galegos a través dunha introdución sintética, que non escolástica, do que é Galicia".

Lois Caeiro: "Ramón Villares é unha figura na nación, un dos referentes que noutra época sería un patriarca da cultura"

Segundo Villares, Galicia ten que "loitar contra os estereotipos que non son verdade", e en Galicia, una nación entre dos mundos o autor trata de facer "unha revisión da historia do nacionalismo dende un punto de vista cultural, para presentar o proceso de construción desta identidade nación-cultura".

Engadiu que na súa obra non existe a "ortodoxia, é un proceso que non trata de convencer a ninguén de ningunha verdade". Malia todo, destacou a Igrexia "institución, non relixión", como o gran elemento decisivo en Galicia porque "durante máis de 1.000 anos gobernou mentes, almas e ata aspectos patrimoniais dos galegos".

O historiador sinalou que "ningunha institución" preservou a lingua galega. "Nin a Igrexa, que era castelanfalante salvo na súa executoria local, porque aí falaba en galego".

Villares tamén comparou o movemento agrarista que houbo en Galicia a comezos do século XX co que se viviu en Irlanda, "e que en Irlanda desenvolveu nun partido político de corte autonomista". O historiador lembrou que mentres que no país irlandés "a translación do movemento social á política foi unha realidade, en Galicia faltou converxencia".

Lourdes Abuide: "É unha obra moi necesaria pola importancia da identidade, un tema do que se fala moito hoxe en día"

Por último, o autor de "Galicia, una nación entre dos mundos" explicou que eses "dous mundos" son Europa e América. "Galicia ten unha fonda raíz europea, é unha sociedade conectada co centro europeo", concluíu.

O exdirector de El Progreso, Lois Caeiro, abriu o faladoiro destacando a figura de Villares, a quen nombrou "figura da nación" e "un dos poucos referentes que noutras épocas sería considerado un patriarca da nosa cultura".

Caeiro sinalou a nova obra de Villares como un "cambio de enfoque para entender Galicia" e como "unha oportunidade dunha realidade nova entre o nacionalismo político e as diferentes culturas".

O exdirector de El Progreso tamén desexou que o libro "marque o discurso do nacionalismo" porque "rompe mitos: os castelos vencen aos castros".

A periodista Lourdes Abuide sinalou a "necesidade" da nova obra de Ramón Villares e fixo unha reflexión sobre "a importancia da identidade, un tema que hoxe en día está moi en boga". A periodista lembrou que Galicia "é Galicia polo que aporta a América a través da emigración" e pola cultura, "pola xeración Nós, polas Irmandades da Fala, que puxeron o primeiro chanzo para crear identidade en Galicia".

Comentarios