A asemblea da SGAE tomba a reforma estatutaria e forza a intervención

Con este resultado, a entidade non estaría a cumprir o requirimento imposto polo ministerio de Cultura, quen agora, pode iniciar os procedementos para intervila

Directiva de la SGAE. EFE
photo_camera Directiva da SGAE. EFE

A Asemblea Xeral Extraordinaria da Sociedade Xeral de Autores e Editores decidiu este xoves, con 9.220 votos en contra, rexeitar a reforma estatuaria á que a entidade está obrigada para adaptarse á nova Lei de Propiedade Intelectual.

A reforma estatutaria, que tiña que ser aprobada cunha maioría necesaria de dous terzos, non saíu adiante despois de que dun total de 22.536 votos, 9.220 foron en contra e 13.034 a favor.

Con este resultado, a entidade non estaría a cumprir o requirimento imposto polo ministerio de Cultura (que vence este venres), quen agora, segundo o artigo 192 da Lei de Propiedade Intelectual, pode iniciar os procedementos para intervir a maior entidade de dereitos de autor de España.

Durante a asemblea xeral extraordinaria os socios da SGAE si que deron o seu apoio á normativa de repartición de dereitos de autor con 12.022 votos a favor (o 54,74%), 9.755 en contra (o 44,42%) e 185 abstencións.

Con este resultado a entidade aceptou o que marca a nova Lei de Propiedade Intelectual que se aprobará o próximo mes de febreiro: pór un tope do 20 % ao recadado por cada autor pola emisión da súa obra nun horario nocturno, a denominada "roda das televisións".

Trátase do mesmo tope imposto polo laudo emitido o pasado ano pola Organización Mundial da Propiedade Intelectual (OMPI).

Unha porcentaxe co que se pon fin á chamada práctica da "roda", denunciada en 2013 ante a Fiscalía Anticorrupción polo ex-presidente da SGAE Antón Reixa, e que tres anos máis tarde foi obxecto dunha operación policial contra a fraude no cobro de dereitos de autor de pezas musicais que se emitían en cadeas de televisión en horario nocturno e que podía ascender a 100 millóns de euros.

Como último punto do día, a asemblea xeral extraordinaria rexeitou, co 53% dos votos, a repartición dos beneficios de decembro.

Segundo os datos ofrecidos polo presidente da SGAE, José Ángel Hevia, a semana pasada, na repartición realizada este mes de decembro (realízase outro en xuño) os socios da SGAE repartíronse un total de 107 millóns, dos cales 18 foron destinados á música emitida na franxa nocturna (deses a metade vai destinado a autores e a outra metade a editores musicais).

Comentarios