Teresa Arrojo crea un espazo para amosar a súa pintura e cerámica en Lugo

A artista inaugurou 32 de Luz, unha sala  de 100 metros en Recatelo na que poden ver cadros, esculturas e vaixelas sen copia
Teresa Arrojo posa en 32 de Luz xunto a unha obra súa. XESÚS PONTE
photo_camera Teresa Arrojo posa en 32 de Luz xunto a unha obra súa. XESÚS PONTE

Hai unha chea de anos, Teresa Arrojo estaba na casa, en Mallorca, falando dunha exposición a Álvaro Corrales. El preguntou polo nome da mostra. Chamaron ao timbre. O carteiro entregoulle un recibo. Teresa abriuno. 32 de luz. 

O prezo  indica que isto acontece se cadra hai vinte anos. Teresa e Álvaro abriron este venres o espazo 32 de Luz na rúa Isaac Díaz Pardo, no barrio lucense de Recatelo, tras cinco anos de reformas. Son cen metros de superficie e luz branca no que a ceramista, escultura e pintora vai expoñer as súas creacións. "Non son galerista, isto é  un espazo creativo", remarca a creadora que viviu na zona ata os 18 anos. A sala poderá visitar os xoves e venres de 12.00 a 20.00 horas e os sábados, de 12.00 a 15.00 horas.

O resto do tempo van pasalo no lugar asturiano de Borines, en Piloña, no que quedan uns corenta veciños; onde Teresa Arrojo ten o seu obradoiro nunha escola do século XIX que Álvaro rehabilitou e na que traballa na madeira, nomeadamente o ébano. Teresa sinala que é "filla de Lito, o da cafetería Madrid". Colleu o apelido da nai, Cándida Teresa Arrojo, porque "ela inculcoume o amor pola arte. Sempre nos apuntaba a pintar con xices na rúa, a pintura ao aire libre ou a pintar  cadros para doar á Cruz Vermella".A partir dese interese formouse nas clases que impartía  Blas  Lourés no Círculo de las Artes e máis adiante, co pintor Luis Gómez Pacios no Museo Provincial de Lugo.

Estudou Filosofía en Santiago e despois traballou durante trece anos en labores administrativas, "pero nunca deixei de facer arte". Esa vocación arrastrouna a Mallorca. Viviu outros trece anos na illa antes de recalar en Borines. Ao herdar o local da casa familiar animáronse a concretar aquela lectura de recibo eléctrico que fixeran en Mallorca "porque en una ciudad siempre se va a ver más la obra de Teresa", observa Álvaro.

Arrojo traballa con porcelana e barro refractario para as súas pezas, que tanto teñen cun espírito decorativo como funcional. "Fago vaixelas únicas, das que non hai copia", subliña. O espazo da sala está dividido entre un frontal no que hai cadros de diversos tamaño e cerámica, e un parte posterior na que se exhibe Todo gira, unha columna que imita un tronco que a creadora mantivo no exterior ata que foi conquistada polo brión.

Comentarios