Comeza a rodaxe de 'Antes de perder', a primeira produción galega de Playz

A 'road movie' de 7 capítulos filmarase desde este luns en localizacións de Compostela, Vedra, Ordes, Caldas, Muros, Padrón e A Coruña

Esther Acebo e Mariam Hernández. MAR CATARINA
photo_camera Esther Acebo e Mariam Hernández. MAR CATARINA

Este luns comeza a rodaxe de Antes de perder, a primeira produción galega de Playz, a canle dixital de RTVE, que ao longo das próximas semanas visitará Compostela, Ordes, Vedra, Caldas, Muros, Padrón e A Coruña. A produción de RTVE en colaboración con Cósmica Producións é unha 'road movie' de sete capítulos e corte feminista que dirixe Sonia Méndez e protagonizan as coñecidas actrices españolas Esther Acebo (La casa de papel, Baraka) e Mariam Hernández (Cuestión de sexo, Amar es para siempre), arroupadas por un elenco galego de luxo: Xúlio Abonjo, Manuel Manquiña, David Amor, Xosé Touriñán, Marcos Pereiro, Xosé Barato, Alberto Rolán, Federico Pérez, Patricia Vázquez, Carolina Iglesias (Percebes y Grelos) e as señoras da canle Teño unha Horta en San Sadurniño.

Antes de perder é a historia de Jana e Diana, dúas mulleres de trinta e tantos que son tan diferentes en todo que en condicións normais quizá nin cruzasen un par de palabras. Pero agora mesmo teñen algo en común: as súas vidas están en punto morto e só necesitan unha faísca para empezar a vivilas con intensidade... ou para acabar apodrecendo no cárcere. Xuntas lanzaranse á estrada nunha fuxida sen retorno, forxarán unha amizade a lume e asfalto e compartirán unha historia que rompe con anticuados códigos sobre o concepto de feminidade.

Ademais da serie desenvolverase un universo transmedia propio: acompañará a súa emisión cunha miniserie de sete pílulas protagonizada polas personaxes de Xosé Touriñan e Marcos Pereiro (Pequenas Doses) e coa retransmisión vía Instagram da visión da historia dunha das súas protagonistas.

Acompañan a Sonia Méndez a produtora Nati Juncal e a directora de fotografía Lucía Catoira.

Comentarios