'O que arde', na terna das películas precandidatas de España aos Oscar

As outras preseleccionadas son 'La trinchera infinita' e 'El hoyo'
Oliver Laxe, con Amador Arias y Benedicta Sánchez en el rodaje de O que arde. AEP
photo_camera Oliver Laxe, con Amador Arias e Benedicta Sánchez. AEP

O que arde, a película de Oliver Laxe rodada nos Ancares; La trinchera infinita, de Aitor Arregi, Jon Garaño, Jose Mari Goenaga, e El hoyo, de Galder Gaztelu-Urrutia, son as tres películas preseleccionadas polos membros da Academia de Cine para representar a España na carreira polo Oscar á mellor película internacional 2021.

O actor Javier Rey (El verano en que vivimos) foi o encargado de realizar a lectura das tres finalistas nun acto na Academia de Cine acompañado polo presidente da institución, o cineasta Mariano Barroso e un notario.

A seleccionada definitiva coñecerase, tras unha segunda votación, o 3 de novembro e a cerimonia dos Oscar en Los Ángeles terá lugar o 25 de abril de 2021. 

As cintas foron seleccionadas entre un total de 58 longametraxes, 22 máis que o ano pasado, algo que Barroso explicou en parte debido a que o período de estreas contabilizado foi máis amplo, do 1 de outubro de 2019 ao 31 de decembro de 2020, ao celebrarse os Oscar máis tarde a causa do covid-19.

O que arde, a terceira longametraxe de Oliver Laxe, xa competiu polo Goya a mellor película na última edición dos premios, e finalmente levou o de fotografía e o de mellor actriz revelación para Benedicta Sánchez. Entre outros premios, obtivo no Festival de Cannes o do xurado da sección Unha certa mirada.

O filme é xa a película en galego máis vista de sempre, tras superar a Sempre Xonxa.

Protagonizada por Belén Cuesta e Antonio de la Torre, La trinchera infinita é unha historia sobre os "topos" da Guerra Civil e a posguerra española, persoas que chegaron a pasar anos ocultas por medo ás represalias e foi unha das grandes nominadas (15 candidaturas) nos pasados Goya, aínda que finalmente só conquistou os de mellor actriz e mellor son.

El hoyo é unha opera prima que saíu con catro dos premios principais do Festival de Sitges e durante o pasado confinamento foi unha das películas máis vistas en Netflix, unha inquietante parábola sobre o egoísmo e o mundo actual.

Comentarios