Aprazado o concerto de Van Morrison na Coruña por motivos de saúde

A cita será reprogramada nos primeiros meses do próximo ano no Coliseum
Van Morrison. GEORG HOCHMUTH (Efe)
photo_camera Van Morrison. GEORG HOCHMUTH (Efe)

O concerto que Van Morrison ía ofrecer o 3 de decembro no Coliseum da Coruña aprázase por motivos de saúde do artista, segundo informa o consistorio, que explica que así lle foi comunicado pola axencia de representación do cantante británico. 

Esta indisposición obriga a suspender as últimas dúas actuacións da xira de Van Morrison para este ano: a do día 1 de decembro en Madrid e a do día 3 na Coruña. O seu concerto será reprogramado nos primeiros meses do próximo ano no Coliseum. 

As persoas que sexan posuidoras dunha entrada para a actuación do venres poderán acceder ao recinto nesa nova data sen necesidade de facer trámite algún. As que prefiran solicitar a devolución do importe do billete poderán facelo a través da súa canle de compra.

ACTUACIÓN DE FITO E FITIPALDIS. Por outra banda, están á venda as entradas para o segundo concerto que Fito e Fitipaldis ofrecerá na cidade da Coruña en marzo do próximo ano. 

Segundo explica o consistorio, "ante a boa resposta do público pola primeira actuación xa programada, activouse unha segunda data, tamén no Coliseum, da xira Cada vez cadáver Tour. Esta nova xira comezará o 12 de marzo do próximo ano e chegará a 21 cidades de todo o país. 

Comentarios