Antonio Fraguas en Lugo: a volta á liberdade

O  historiador Antonio Prado Gómez, autor xunto a Manuel Regueiro, Paco Martín, Xulián Parga e Xulio Xiz, do libro 'Os nove anos de Fraguas en Lugo', relata os fitos máis importantes da estadía do autor na cidade das murallas

Fraguas, primeiro pola dereita, no Museo Provincial.ARQUIVO PROVINCIAL
photo_camera Fraguas, primeiro pola dereita, no Museo Provincial.ARQUIVO PROVINCIAL

O docente Antonio Fraguas chega á cidade de Lugo en maio de 1950 e, sen dúbida, facíao co entusiasmo de que remataba, co seu nomeamento como catedrático de Xeografía e Historia do Instituto Masculino, un longo período de case tres lustros de ostracismo persoal e profesional, e agora abríase para el un período de independencia económica e de novas oportunidades docentes e intelectuais. O centro educativo ao que se incorporaba inauguraba ese ano un novo e magnífico edificio que en certa maneira adiantaba o desenvolvemento urbanístico que estaba a experimentar a cidade. Nel, Fraguas ía contar coa compañía de profesores de competencia intelectual incontestable, como Francisco Bernis, Glicerio Albarrán ou Lázaro Montero, por nomear só algúns dos seus máis activos colegas. O claustro que o recibía o 15 de setembro de 1950 o recoñecía como un home «de cualidades excepcionales » e el respondería en seguida a esa consideración, integrándose rapidamente na vida académica e impartindo xa para o curso seguinte a lección inaugural sobre ‘Doña Emilia Pardo-Bazán. Notas de un lector’, disertación na que conmemoraba o centenario da ilustre escritora galega. O seu compromiso co centro quedou reflectido tamén na asunción de responsabilidades administrativas, primeiro, en xullo de 1953, a do cargo de vicesecretario, e logo, no curso 1955-56, a de secretario, posto que ocuparía ata a súa marcha do Instituto. Nos últimos anos que pasou no centro non decrecerían as súas actividades, no curso 1957-58 volvería a encargarse do discurso inaugural e nos dous anos seguintes sería secretario da comisión organizadora dos I e II Cursos Universitarios de Primavera, unhas actividades que durante unha década marcarían a vida cultural da cidade e a relacionarían co contorno universitario. Na última sesión do curso 1958- 59 Antonio Fraguas sería despedido con sentimento polo claustro lucense xa que conseguira traslado para un instituto de Santiago, cidade pola que tiña unha especial predilección desde os seus tempos de estudante. Aínda que en Lugo non estivera a desgusto, era evidente que a cidade de Santiago, coa súa Universidade e coas institucións culturais que acomodaba, ofrecía un campo de acción máis amplo para as súas apetencias intelectuais. Aínda así, de Lugo sempre tivo don Antonio un bo recordo, xa que, segundo as súas propias verbas, significou o retorno á vida académica, á liberdade. Como docente Antonio Fraguas inspirou nos seus alumnos lucenses recordos eloxiosos, como el mesmo recoñecía nunha entrevista de febreiro de 1997 na que afirmaba que «as rapazas do Feminino [o Instituto Rosalía de Castro ao que foi tras a súa marcha de Lugo] queríanme moi ben, pero queríanme máis os rapaces do Instituto de Lugo». É unha evidencia que para os seus discípulos foi un mestre de feliz memoria, un docente máis preocupado pola aprendizaxe e pola atención do alumno que pola súa cualificación. Sen ser un concienciudo epistemólogo das materias que ensinaba tiña claro os presupostos básicos para transmitilas: «Enseñar es crear una afición hacia lo que se enseña y se aprende», e polo tanto non se podía forzar a aprender, senón procurar que o alumno amosase afección por esa actividade, é dicir, tratábase de desenvolver nel o gusto polo saber. Desde tal punto de vista, unha útil estratexia era acercar ao alumno ó máis próximo –o contorno– para espertar o seu interese polo máis afastado, e esa estratexia o converteu en defensor e partícipe de numerosas actividades extraescolares como as que realizou cos seus alumnos lucenses. A diferenczia da maioría dos outros catedráticos, don Antonio tiña unha innata calidade docente, a de acercarse ao discípulo, e esa proximidade o convertía nun profesor diferente e seguramente explica o enorme afecto que lle gardan os seus antigos alumnos; por outra parte, a súa habilidade para desenvolver os relatos, a súa amenidade, permitíalle manter a atención e mesmo estimular a imaxinación. En todo caso, Fraguas foi un profesor vocacional que, engadía a todas esas condicións a amplitude de coñecementos e o seu carácter tranquilo e bondadoso, sen esquecer o seu interese por inculcar aos alumnos o amor pola súa terra, recorrendo a miúdo a contidos antropolóxicos aos que era tan afeccionado. O orador Os anos lucenses permitíronlle a don Antonio ampliar o marco do Instituto no que impartía as súas clases. A súa condición de intelectual e gran comunicador sería recoñecida na cidade practicamente desde a súa mesma chegada, por iso diversas entidades e institucións procurarían a súa colaboración e ofreceríanlle as súas tribunas. Así sucedeu coa institución social senlleira da cidade, o Círculo das Artes, na que impartiría unha conferencia en abril de 1951 sobre un tema que resumía ben a súa personalidade: ‘Estudios y estudiantes de antaño’. Interviría logo no primeiro certame literario organizado polo Corpus do mesmo ano, e en febreiro de 1953 ofrecía outra charla á que seguiría o pregón de Semana Santa dese ano e outro de Nadal en 1957. O diario El Progreso, co que colaboraría activamente, daría numerosas referencias á súa actividade como conferenciante, así, recollía a disertación pronunciada en febreiro de 1953 sobre ‘Galicia en las raíces de España o breves nociones sobre la prehistoria gallega’, aproveitando para facer unha laudatoria presentación do orador ao que cualificaba como «una auténtica personalidad en el campo de la investigación histórica ». No mes de febreiro de 1956 o diario comentaba a conferencia que impartira Fraguas no Círculo Recreativo Cultural de Chantada sobre ‘La Prehistoria de Galicia’, o que deixa ver que a súa actividade non se limitaba ao contorno de Lugo e chegaba a outros puntos da provincia. Un par de meses despois reproducíase outra glosa sobre a súa disertación ‘Un comentario a la vida y maestros, obra y amores de don Marcelino Menéndez y Pelayo’, na que o redactor volvía resaltar a categoría persoal e intelectual de Fraguas, a quen cualifica de «Costal de bondad y simpatía…». O escritor Ao longo da súa longa e frutífera vida, Fraguas sería autor dunhas 350 publicacións nas que demostrou a súa condición de excelente lector e de brillante escritor, e a súa década lucense foi probablemente a máis fértil como publicista. Nela sairían á luz algúns dos seus libros máis importantes, a ‘Geografía de Galicia’, os dous volumes da súa tese de doutoramento ‘Historia del Colegio de Fonseca’ y ‘Los Colegiales de Fonseca’, e a monografía sobre Santiago de Compostela, pero, ademais, ratificou a condición de prolífico escritor con numerosos traballos nun periódico e nunha revista lucense: El Progreso e Vida Gallega. En Vida Gallega, a revista que Xosé Iglesias Presa trasladou a Lugo entre 1956 e 1963, colaborou asiduamente. Esta publicación gráfica contou coa sinatura de don Antonio en moitos dos números da segunda época —46 colaboracións entre 1955 e 1961— converténdose nunha das súas plumas máis habituais. Algúns deses estudos teñen relación directa con contorno e historia lucense ou coa súa profesión docente como ‘El nacimiento del Miño y sus leyendas’ (1955), ‘Fiesta Real en Lugo’ (1957), ‘El libro y la enseñanza’ (1958), ‘De Lugo a Vigo por Lalín’ (1958), ou ‘La ronda por la Muralla’ (1958). O seu interese pola cidade e a provincia que o acollera o seguiría mostrando na mesma revista despois da súa marcha, como nos traballos ‘Sobre el recuerdo lucense’ (1959) ou ‘El litoral lucense’ (1960). O labor de publicista de Fraguas tivo tamén cabida fóra do ámbito das dúas publicacións lucenses mencionadas. Sempre interesado polos libros e a cultura, foi un activo colaborador de institucións lucenses como o Museo e a Biblioteca provinciais, e no boletín da primeira institución publicaría ‘Pastor Díaz en el Colegio Fonseca’ (1950), ‘Una impresión del viaje de los Reyes Católicos a Galicia’ (1953) e ‘Apuntes para la historia de la primera enseñanza en el valle de Quiroga (Lugo)’ (1956), ademais de facer algunhas recensións que o corroboraban como aproveitado lector, como a da ‘Historia de la literatura gallega’ de Benito Varela Jácome, ou a do ‘Diccionario Bio-Bibliográfico de escritores de Antonio Couceiro Freijomil’, por nomear dúas obras particularmente significativas da biblioloxía galega. Mesmo, do seu labor como investigador sairía o artigo ‘Emplazamiento de ferias en Galicia a fines del siglo XVIII’ publicado en 1968 pero resultado dos seus traballos no arquivo do Concello de Lugo. A marcha de don Antonio non implicou esquecerse de Lugo nin dos lucenses, e de feito o seu traballo máis cumprido sobre a cidade non se publicaría ata 1974. Referímonos a monografía que titulou con sinxeleza ‘Lugo’, e que debe entenderse como unha homenaxe persoal do autor á cidade que o acollera durante unha década. A este estudo poderían engadirse outros nos que Lugo está dalgún xeito presente, como: ‘Restos dolménicos próximos a la ciudad de Lugo’ (1961), ‘Castros de la comarca lucense’ (1962), ‘Notas sobre el paso de los franceses por Lugo’ (1968), ‘Notas de artistas en tierras lucenses’ (1969), e ‘Derechos de paso por el puente de Rábade’ (1970). Como aproveitado docente que era, Fraguas tampouco esqueceu os traballos de compañeiros e alumnos. Xa en 1956 dedicou un estudo a un antigo profesor, Gumersindo Laverde y Ruiz, catedrático del Instituto de Lugo’, para, máis tarde, prologar o libro de Luciano Fernández Penedo, ‘Historia viva del Instituto de Lugo’ (1987), e logo o dalgún alumno como o de Jesús Vázquez Gallego ‘Tradiciones, mitos, creencias y curanderismo en la medicina popular de Galicia’ (1989). Está moi claro que Antonio Fraguas non se apartou nin de Lugo nin das súas xentes, e neste sentido as aportacións continuarían ata a súa morte: ‘Anxel Fole’ (1986), ‘Aquilino Iglesia Alvariño: o poeta de Seivane’ (1986), ou mesmo o traballo póstumo dedicado a ‘Manuel Vázquez Seijas’ (2000). Por todo isto, no resulta estraño que Lugo correspondera cunha homenaxe ao ilustre profesor no outono de 1989 e da man dos seus agradecidos alumnos, unha gratitude que compartiría o Concello lucense coa dedicatoria dunha céntrica rúa da cidade á que asistiu don Antonio nun retorno a Lugo que non sería o único pero que debeu ser o máis emocionado para o ilustre patriarca, quen se viu rodeado da estima xeral e que coa súa multitudinaria presenza evidenciaba a idea de que Antonio Fraguas non tiña inimigos.

Comentarios