Andrés Goteira presentará en Xixón 'Dhogs', a súa primeira longametraxe

O filme do realizador meirego ten influencias de Lynch e Tarantino

Andrés Goteira, durante a rodaxe de 'Dhogs'. AEP
photo_camera Andrés Goteira, durante a rodaxe de 'Dhogs'. AEP

O director Andrés Goteira presentará o vindeiro venres en Laboral Cinemateca Dhogs, a súa primeira longametraxe, un thriller rodado en galego co que conseguiu o Premio da Crítica no Festival Internacional de Cine Fantástico de Bruxelas e o de Mellor Película en Croacia. O filme do realizador meirego ten influencias de Lynch e Tarantino e narra unha espiral de convulsos acontecementos, violencia e descontrol derivada dun encontro entre un home de negocios e unha muller no bar dun hotel.

Na súa estrea mundial en Buenos Aires, a crítica destacou que Dhogs é unha "virtuosa e arrasadora ópera prima", cun "exercicio estilístico e narrativo pletórico de inventiva e audacia". Goteira gañou 13 premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual e recibiu o aplauso de crítica e público en festivais como o Split Filme Festival ou Nocturna Madrid.

O vindeiro sábado a partir das 11.30 horas, Laboral Cinemateca celebrará a primeira Xornada Profesional da Curtametraxe e o domingo proxectará Custodia compartida, coa que o actor Xavier Legrand debutou como director.

Legrand definiu a súa película como "un filme emocional, unha denuncia clara do patriarcado, da utilización do fillo por parte do pai acosador para chegar á nai e do inútil que pode ser a Xustiza".

Comentarios