A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, informou que a área de Cultura vén de ampliar a programación teatral do Auditorio Municipal Gustavo Freire para dar opcións de ocio á veciñanza de Lugo, especialmente para público familiar.
Así, Ferreirio abubciou que a compañía belga Okidok traerá a Lugo o espectáculo Slips, o vindeiro domingo ás 18:30.
"A obra que presentamos é un exemplo do incremento da programación coa que queremos encher de público e actividades unha instalación como o auditorio Gustavo Freire", explicou a concelleira.
Okidok deuse a coñecer internacionalmente co seu debut, Ha ha ha, representado máis de 500 veces arredor do mundo. É un dos grupos máis sorprendentes e creativos do clown europeo actual, cuxas creacións pasaron por infinidade de programas de televisión, festivais e teatros de europa.
Ferrieiro explicou que a área de Cultura está a traballar nunha programación continua nos espazos que xestiona, achegando propostas de calidade con recoñecementos no ámbito galego, estatal e internacional. "Estamos a conseguir que o público volte ao teatro, ao achegar unha programación periódica e continuada no tempo", afirmou a edil de Cultura.
A obra, que ten unha duración duns 65 minutos e está recomendada para maiores de oito anos, conta a historia de Pierrot e Marcel, que teñen corpos de fantasía, de estrelas. Son musculosos, elegantes, hábiles, multifacéticos e moi conscientes de tódalas súas incribles cualidades, lánzanse nunha gran demostración dos seus talentos: o mellor da acrobacia, a esencia do mimo, a beleza da danza; resumindo, a poesía bruta dos anos gloriosos do music-hall. Unha hora de risas, sen palabras e sen parada. Un dos espectáculos máis divertidos dos últimos anos, co que están xirando por medio mundo e que conta co recoñecemento do Premio do Xurado no Milano Clown Festival de 2009.
As entradas están xa dispoñibles no portal entradaslugo.es, a un prezo único de 3€.