Amigos e familiares inauguran unha mostra sobre Labajjo Grandío en Lugo

A exposición consta de 40 obras pictóricas do coñecido artista e pode verse na galería Nova Rúa ata decembro
Alfredo Labajjo Grandío. J.VÁZQUEZ
photo_camera Alfredo Labajjo Grandío. J.VÁZQUEZ

Familiares e amigos do recoñecido artista lucense Alfredo Labajjo Grandío inauguran este mediodía na galería Nova Rúa Arte de Lugo unha exposición con preto de 40 obras pictóricas do autor, falecido o pasado ano na súa vivenda de Friol

A mostra pretende ser unha homenaxe a este artista e un recoñecemento á súa traxectoria. Estará aberta ao público na galería de arte lucense ata o 10 de decembro. 

Labajjo Grandío, nacido en Lugo en 1939, foi un pintor único, creador dunha obra que reflicte á perfección a forza dunha personalidade indómita. 

Influenciado polas vangardas de principios de século pasado (chegou a coñecer persoalmente a Pablo Picasso durante unha etapa na que viaxou por toda Europa), desenvolveu unha figuración con tinguiduras de primitivismo e incluso con toques de fauvismo, en especial no uso da cor.

Os seus cadros son de trazo groso e volumes rotundos, cunha temática moi pegada á terra e o mundo rural. 

Curmán do tamén artista Tino Grandío, educouse artisticamente na súa maior parte en Madrid, onde se trasladou o seu pai, catedrático, por un problema asmático para seguir dando clases. En realidade, estudou para enxeñeiro técnico industrial, pero pouco despois de acabar a carreira decidiu dedicarse por completo á arte. 

Ao seu regreso a Lugo, estivo tres anos visitando Os Ancares, onde vivía na súa tenda de campaña, para pintar as súas paisaxes. Tamén cultivou a amizade de Uxío Novoneyra, que o guiou polo Courel. 

Unha das súas últimas exposicións foi na Casa de Galicia de Madrid. Pola súa traxectoria e a súa obra, Labajjo Grandío recibiu o alcume do Picasso galego.

Comentarios