O álbum de Tintín 'As xoias da Castafiore' editarase en galego

Tamén en eúscaro, valenciano, aragonés, aranés e castúo, pero non en asturiano

Las joyas de la Castafiore, de Tintín. TWITTER
photo_camera As xoias da Castafiore, de Tintín. TWITTER

Zephyrum Edicións, responsables dos dereitos de Tintín en España, editará en abril o álbum As xoias da Castafiore en seis linguas e modalidades lingüísticas. Entre elas estarán o aragonés ou o castúo, pero non o asturiano. Con todo, a editorial prevé incluír este idioma en próximas reedicións da colección. 

Lles Bijoux da Castafiore é o vixésimo primeiro álbum da serie As aventuras de Tintín, escrita e debuxada por Hergé. Publicado na revista Tintín entre o 4 de xullo de 1961 e o 4 de setembro de 1962, apareceu como álbum independente en 1963. Agora, en 2019, Zephyrum Edicións, empresa dona dos dereitos do famoso personaxe de cómic no Estado español, comezará a reeditar a colección de Tintín comezando por este álbum e farao ao mesmo tempo en galego, eúscaro, valenciano, aragonés, aranés e castúo —modalidade lingüística falada en Estremadura—. 

Segundo explicou o xerente de Zephyrum, Javier Reyes, a selección de linguas non responde a criterios de número de falantes, senón mostrar a riqueza lingüística española, e por iso incluíron unha modalidade como o castúo ou linguas con menos de 3.000 falantes como o aranés, ás que esperan sumar en próximas reedicións máis idiomas, entre eles o asturiano —500.000 falantes—. 

"Hai moita xente que nos chamou indignados desde Asturias por quedar fóra, pero non se pode facer esa lectura", indicou Reyes, que apuntou que hai "entre un 90 e un 95% de posibilidades" de que nos próximos títulos estea presente o asturiano. Ademais, desde a editorial afirmaron ser coñecedores do éxito que tiveron as traducións de Astérix e Obélix ao asturiano —con varias reedicións por título ao esgotarse o número de exemplares— e apuntan a que de repetirse algo semellante "poderíase editar toda a colección" de Tintín ata chegar aos 24 álbums. Nese sentido, Javier Reyes explicou que xa existen tradutores e correctores interesados e que tamén podería contarse cun "posible" apoio institucional para iso. 

De cumprirse a intención de Zephyrum non sería a primeira vez que o famoso personaxe belga falaría en asturiano. Así, en 1998 editáronse Stock de Cok e A illa prieta, con tradución do actual presidente da Academia da Llingua Asturiana, Xosé Antón González Riaño. 

Comentarios