Adra Pallón: "Hai fotografías que só fas pisando o queimado"

O lucense gañou o Premio Injuve de Fotoperiodismo cun traballo sobre os incendios forestais en Ribas de Sil que forma parte dun proxecto artístico e sociolóxico sobre o despoboamento rural. 
Unha das fotos do proxecto premiado. ADRA PALLÓN
photo_camera Unha das fotos do proxecto premiado. ADRA PALLÓN

Adra Pallón estaba escribindo na súa casa de Lugo este venres cando o chamaron do Ministerio de Derechos Sociales para comunicarlle que gañara o premio decomunicación que concede o Instituto de la Juventud de España na categoría de Fotoperiodismo. A serie recoñecida era Incendios forestales y cambio climático, un traballo de documentación para a axencia Efe que fixo no setembro do ano pasado en Ribas de Sil e que se publicou en numerosos medios de toda España.

O Injuve valorou o xeito no que "refleja la crudeza de estos incendios y la dureza de las situaciones a las que se enfrentan los efectivos de bomberos en su extinción. Tristemente corrientes cada verano en España, los incendios forestales son cada vez más virulentos y devastadores debido a las condiciones ambientales y del terreno provocadas por la crisis climática".

Pallón leva un tempo preparando o proxecto Demotanasia, que trata sobre a morte indesaxada do ámbito rural en Galicia. "Non esperaba o premio porque estas fotos son una parte", comentaba nunha pausa da escrita coa que busca "explicar as causas" de que os lugares do campo esten perdendo a poboación. "O desastre ambiental é unha desas causas", pero a súa inciativa trata de ofrecer un diagnóstico xeral e máis fondo. "Hai zonas do Courel nas que lle botan a culpa a que se reforestase con piñeiros durante o franquismo, pero hai outras nas que se opuxeron e se despoboaron igual», observa.

Atento ás redes sociais

Non esperaba o galardón, pero si espera os lumes. Bota o día atento ás redes sociais, que informan con inmediatez. Hai tamén expertos en cheirar o fume. "Os compañeiros de Ourense saben se haberá lumes ese día mirando o tempo. Cando se producen calculan a magnitude e a dirección que vai coller cada incendio analizando o vento", apunta o lucense con admiración.

Adra Pallón ten unha mochila negra co equipo de corpos e lentes preparada na porta da casa. "Collo unha botella de auga conxelada e algo de froita na neveira", uns elementos frescos que lle permitiran soportar a fame e a calor que tratará de abrasarlle a pel en seco.

"Cando chego á zona do lume deixo o coche ao lado dun río, onde poda asegurarme de que non vai arder, e bótome andar; ás veces, teño que camiñar varios quilómetros". Pasoulle este verán porque "o lume estaba moi arriba e non quería disparar a distancia, e hai fotos que soamente fas pisando no queimado e soportando a calor".

"Cando chego á zona do incendio deixo o coche ao lado dun río e bótome a andar, ás veces varios quilómetros"

Unha vez no punto quente negocia cos membros das brigadas contralumes os marcos polos quese pode mover coas dúas cámaras que carga. "Pórtanse moi ben comigo, pero trato de non ser unha molestia para eles porque fan un traballo perigoso e moitas veces sen os medios necesarios. Debo actuar con cautela en todo momento", sinala. O difícil é calcular a distancia do lume. O fotógrafo debe calibrar os metros que poderá avanzar soportando "o picor nos ollos, o fume áspero na gorxa e a calor na pel".

HORA AZUL. Adra Pallón revela que o xurado que valorou as fotografías de Incendios forestales y cambio climático "premiou o balance entre a acción e a plasticidade". No plano estético indica que, a súa "sorte" é que podía "botar dez horas no incendio". Grazas a iso non debía usar a cámara a mediodía "cando as imaxes que quitas non valen» e podía agardar polo lusco fusco, o tempo do atardecer que os fotógrafos chaman hora azul, na que predomina esa color, e a hora dourada, na que predominan os tons laranxa. "É cando se produce o contacto entre esas cores, que é moi plástica".

Cando volve a casa, Adra Pallón volve facer unha avaliación. Debe estimar se a goma das súas botas de monte está fundida ou poderá someterse a outra temperatura elevada. "Casa sempre acaban no lixo",confesa.

Nos dous meses seguintes ao remate da tempada de lumes o coche segue cheirando ás árbores que arderon. O olor recorda a casas, granxas e montes abandonados.

comentarios