Adeus a Darío Xohán Cabana, o escritor das raíces fondas

O autor chairego, que morreu aos 69 anos na súa casa do núcleo lugués de Romeán, demostrou a fidelidade á terra, ao galego, á literatura e aos amigos ao longo da súa carreira literaria ► As súas facianas artísticas eran amplas e comprendía novelas, poemarios, ensaios, libros de divulgación, tradución de clásicos italianos e franceses e mesmo a edición dos seus propios libros
Darío Xohán Cabana, na rúa Bispo Aguirre de Lugo en 2016. XESÚS PONTE
photo_camera Darío Xohán Cabana, na rúa Bispo Aguirre de Lugo en 2016. XESÚS PONTE

Darío marchou para o instituto de Lugo aquela mañá. Logo volveu. A madriña, Dedicación, preguntoulle "onde ía coas zapatillas de andar pola casa". "Ben sabes, madriña, os xenios somos así". Daquela xa coñecía que as palabras tiñan superpoderes e que el estaba dotado para manexalas.

Antes en Roás (Cospeito), onde nacera en 1952, aprendera de Cervantes que os cabalos poden voar. Hai unha pasaxe na que uns duques fan crer ao Quijote e a Sancho que poden percorrer o firmamento sobre un cabalo de madeira, Clavileño. Sancho teme facer o ridículo: "Y ¿qué dirán mis insulanos cuando sepan que su gobernador se anda paseando por los vientos?". Así que, cando tivo que organizar un equipo de fútbol no lugar, Darío ocupouse de bautizalo: Relámpago Insulano. Sabía que voarían alto, aínda que el acabaría quedando so a lombos de Clavileño.

LIBROS1

O escritor Paco Martín empezou a tratalo asiduamente cando os fillos de Darío Xohán Cabana e Amelia Outeiro, Alexandra e Martiño, empezaron a ir ao colexio da Piringalla onde el era profesor. "Falabamos de moitos temas, pero pouco de fútbol porque non era afeccionado. Máis ben de política. O Darío era máis entregado ca min", indica Paco Martín. Por iso, os días nos que os cativos de Roás non xogaban ao fútbol dividíanse en dous bandos: os soldados do ditador cubano Batista e os milicianos de Fidel. Darío era o Ché Guevara, quen lideraba a entrada na Habana. A sorte da revolución decidíase a pedradas.

A querencia política víñalle dos pais, uns labregos progresistas. El, Ricardo, lía e lía novelas populares do Oeste. "Na miña casa había máis libros ca na casa do cura. Cando o meu padriño ía a Lugo traíame novelas de Xulio Verne ou de Alexandre Dumas", defendía o escritor finado este mércores na súa casa de Romeán (Lugo) e que será enterrado na compaña dun grupo pequeno de familiares e amigos. Aínda en 2013 declaraba que o seu personaxe histórico máis admirado era Fidel Castro e a súa novela favorita Os tres mosqueteiros.

Manuel Bragado: "A poesía nace en Darío Xohán Cabana de xeito natural. Véxoo como un gran poeta nacional"

O marxismo e o independentismo prenderan nel no xeito difuso no que unha ideoloxía pode prender nun rapaz. En 1968 concreta esa nebulosa ao ingresar na UPG, onde militaría ata que a fin dos 80 pasou á FPG. Neses primeiros anos de compromiso empeza a publicar na revista sindical Adiante.

En 1969 publica o primeiro libro de poesía, Verbas a un irmao, que abre unha triloxía de arraigo na terra xunto a Home e terra e Romanceiro da Terra Chá.

LIBROS2

Despois de estudar bacherelato en Lugo marcha a Vigo para entrar na editorial Castrelos, xunto ao galeguista Xosé María Álvarez Blázquez. Cabana destacaba: "Xosé María foi o meu mestre de moitos saberes. Con el empecei a ler aos poetas medievais, intereseime pola historia, pola filoloxía e ensinoume algo que é difícil que alguén faga: a paciencia".

O propio poeta asumía que o seu peor defecto eran "os ataques de cólera". Cando estaba traballando na tradución de A divina comedia (1990 e 2014) de Dante, un labor que requería a obstinación e minuciosidade que Cabana posuía. "Alexandra, Martiño e máis eu estabamos xogando mentres el traballaba. Cando facía descansos fedellabamos no seu ordenador e se enfadaba moitísimo", lembra Lois Pérez con cariño.

O cariño por Amelia tamén tiña capacidade para facelo amainar. O xornalista Paco Nieto conta que estaba un día falando co poeta no seu despacho da casa consistorial de Lugo cando ela o chamou por teléfono. "E Darío dixo: "Ola,meu amor". Foi algo tan bonito...". Para Nieto define a capacidade "para ser cariñoso" do finado. Amelia e Darío casaron en 1974. En 1983 publícase A fraga amurallada (Premio Cidade de Ourense). Cabana sitúa a súa muller na coautoría: "Ela non escribiu nin unha soa palabra, pero leuna comigo e díxome en todo momento que era o que debía escribir e o que tiña que escribir".

Lois Pérez remarca a delicadeza. O tamén escritor é neto de Dedicación Yanes, a irmá de Damiana, que acolleu o mozo de Roás cando foi estudar a Lugo. "Darío era extremadamente sensible, extremadamente cariñoso, extremadamente xeneroso con todos. Era recto, coherente cos seus valores. A persoa máis lida que coñecín".

Víctor Freixanes: "Sabía a forza e a transcendencia que tiña a súa palabra, da súa capacidade de evocación"

En 1975 regresa a Lugo. O autor Xoán Ramiro Cuba (1958) tiña 18 anos cando o coñeceu "na militancia política". Cuba lembra que "el vendeu libros polas casas" durante catro anos. Bota un ano como liberado sindical da Central Sindical Galega ata que en 1982 faise policía municipal en Corcubión. Tras outros catro anos volve novamente a Lugo como empregado municipal. Ao primeiro encárgase de atender instalacións como o Gustavo Freire ata que pasa a ocuparse de publicacións no Concello, o posto no que se xubilou.

"Propúxenme algunha vez vivir de escribir, pero non o fixen por unha cuestión de independencia", alegaba o escritor. Preferiu poder escoller sobre que escribía e que madeiras usaba. "Eu son dormiñón", confesaba. Así que as fins de semana erguíase ás once da mañá e saía da casa ao obradoiro contiguo para facer mobles para a casa, que el mesmo construíra. "Carpintexo e tamén fago algún outro traballo físico como podar árbores", sinalaba en 2006.

A esas xeiras sumaba a de elaborar un encrucillado diario para prensa, labor que desenvolveu durante 34 anos. "Dende hai corenta anos non me aburro, ás veces quereríame aburrir", confesaba. Cando non sabía que facer publicaba libros en Edicións da Curuxa.

Margarita Ledo: "É alguén que me influíu en moitos aspectos e tamén ao lelo; era un poeta da esperanza"

Darío Xohán Cabana ten a marca de ser o escritor máis galardoado da literatura galega, con máis de sesenta premios. El Progreso concedeulle un recoñecemento polos 75 anos do diario.

O cumio da súa carreira foi a obtención da Medalla de Ouro de Florencia en 1991. O premio fiorentino foi o nirvana que acadou tras anos e anos traducindo para o galego literatura clásica italiana, obras como A divina comedia e o Cancioneiro de Petrarca. O autor fiorentino foi o seu desafío porque defendía que "non se podía traducir a súa poesía porque afectaría á métrica", presumía Cabana.

Como novelista o seu logro foi escribir Galván en Saor. O título xogaba a escribir o nome do seu lugar natal ao revés. Galván é un motorista que fai un descanso nunha pousada. A moto convértese nun cabalo que se bota a andar por un mundo medieval de castelos e princesas que namoran. Darío sabía que un cabalo de madeira pode despegar en voo rasante.