Adela Figueroa: "Houbo mulleres bravas, de coller o fusil"

A escritora novela a vida dunhas irmás do Incio que estiveron na resistencia a Franco no libro do que falou na Feira do Libro de Lugo. As mulheres da Casa da Bouça da roupa estendida está ambientada no tempo que marcou a Guerra Civil, o antes e o despois  
Adela Figueroa Panisse amosa a súa novela na Feira do Libro. SEBAS SENANDE
photo_camera Adela Figueroa Panisse amosa a súa novela na Feira do Libro. SEBAS SENANDE

Foi un comentario atrapado no aire durante un xantar en Lugo. Un amigo falou sobre o comportamento de catro irmás do Incio durante a guerra e a posguerra. "Tamén houbo mulleres bravas nese momento, que eran quen de coller o fusil; como as de Eirexalba". Ese apuntamento valeulle a Adela Figueroa Panisse  (Lugo 1948) para escribir a novela As mulheres da casa da Bouça da roupa estendida. Presentouna este mércoes na Feira do Libro de Lugo.

Adela Figueroa decidiu enfrontarse en solitario ao acto de dar a coñecer o seu libro, editado por Laiovento, na cidade na que foi catedrática de Bioloxía no instituto Lucus Augusti. A dez minutos de comezar estaba tendo conta do terceiro dos seus netos, co seu pelo provisoriamente malva e os seus ollos persistentemente verdes. "Quedei sen exemplares, teño que pedir un para a presentación", confesaba cunha angustia leve a falta duns minutos de presidir o acto na carpa situada na parte alta da praza Maior.

As irmás participaron da guerrilla galaicoleonesa, "que foi a primeira que se formou" despois de que Franco establecese unha ditadura. "Toda a familia uniuse á causa republicana, pero quero deixar claro que non fixen unha investigación histórica, porque non son historiadora, senón unha novela", indica.

As catro irmás quedaron en tres personaxes. Candela, Luzía e Rosinha teñen "tres nomes de luz". Rosinha recibe "o nome da parteira, que é a herbanceira da aldea e sabe de remedios". As tres saben ler cando chega á escola porque "para os pais, que son labregos, é importante. O pai compra periódicos cando vai á feira de Sarria e apréndelles neles".

Adela Figueroa entregou todas as virtudes que coñecía a Candela. "É perfecta: guapa, alta, lista, calada, prudente e valente". A maiores, é soñadora; en contraste con Luzía, a quen "lle gustan as matemáticas e acaba estudándoas en Porto". Elas participan "nunha sabotaxe na liña ferroviaria de Monforte" que fracasa. Tras regresar á casa, onde se refuxian guerrilleiros, vénse rodeadas. "Candela quita unha espingarda e dispara. O mestre pertencera ás Irmandades da Fala, polo que lles facilita a Candela e Luzía contactos en Portugal. Un cura facilítalles o paso pola fronteira e logran chegar a Porto. Rosinha queda mal ferida nun monte de Eirexalba e é auxiliada pola parteira. Candela marcha a Bos Aires, onde coñecerá un home elegante co que marcha a Nova York" e se poñen ricos. "Falei coa neta da muller na que me inspirei para Candela, a protagonista, e a realidade é que gañou moitos cartos en Nova York", apunta.

A escritora ampliou o arco temporal da ficción "á Galicia da preguerra ata os anos 50" co trío de mulleres "como centro de interés, que decimos os profesores". Matiza que "aproveito para recrear a efervescencia de Galicia antes da guerra", en referencia "ao movemento agrarista, que era moi vivo; Primo de Rivera, que foi o primeiro en facer estradas; as Irmandades; a vida rural de cooperación, resaltando a dignidade do traballo".

A profesión de Adela Figueroa volve apoderarse do seu discurso cando acomete un resumo das ideas forza. Nesta novela "quixen contar que a Galicia da posguerra non era atrasada, que había un agrarismo importante, que Galicia non foi pasiva na Guerra Civil porque houbo unha guerrilla activa na que participaron e que a cultura é a chave que abre o mundo", resume a excatedrática de Bioloxía.