Abraham Cupeiro levará a súa música ancestral a 16 municipios de Lugo

A Deputación de Lugo impulsa un programa cultural e educativo protagonizado polo musicólogo sarrián

Abraham Cupeiro.AEP
photo_camera Abraham Cupeiro.AEP

A Deputación de Lugo impulsou un programa cultural e educativo que inclúe 20 concertos en 16 municipios da provincia nos que se exhibirá o traballo de recuperación de instrumentos ancestrais realizado polo musicólogo sarrián Abraham Cupeiro.

Trátase dunha programación de 20 concertos, 4 abertos ao público en xeral e 16 didácticos en centros educativos da provincia, nos que se poderán coñecer sons ancestrais de instrumentos como o karnyx, unha trompeta celta de 3 metros de lonxitude rescatada hai poucos anos ou antigos cornos.

Recupérase así unha "tradición perdida en Galicia utilizando instrumentos orixinais", segundo resaltou a deputada de Cultura, Pilar García Porto, quen avanzou que con esta iniciativa dáse a coñecer a gran riqueza musical e as tradicións galegas.

Entre outros, empregarase unha gran colección de máis de 200 instrumentos de Cupeiro, que vai desde unha pequena frauta de óso ou un gran Sousaphone orixinal do século XIX. Na colección están representados instrumentos de todas as familias, lugares e épocas.

Pilar García Porto destacou que "Cupeiro é un gran musicólogo que constrúe e fai soar instrumentos de máis de 2.000 anos como o Karnyx, a gran trompeta céltica, ademais de traballar na recuperación de instrumentos ancestrais", sendo "capaz de interpretar melodías de distintas épocas con instrumentos moi antigos e complexos.

Así, en coincidencia co Ano Europeo do Patrimonio, a Deputación fará chegar estes sons ancestrais a Viveiro o 13 de abril, a Chantada o 20, a Monforte de Lemos o 4 de maio e a Vilalba o 13 dese mes, en concertos abertos ao público en xeral. Ademais, o musicólogo sarrián ofrecerá concertos pedagóxicos en Foz, A Pontenova, Burela, Viveiro, Portomarín, Antas de Ulla, Chantada, Rábade, Guitiriz, Vilalba, Bóveda, Ribas de Sil, Sarria, Monforte de Lemos, Becerreá e A Fonsagrada.

Comentarios