"No Consello de Ministros escoitaron a nosa canción 'Las tres peras"

O grupo madrileño Alpargata regresa a Lugo para presentar o seu novo traballo

"Isto é unha primicia mundial. Chegounos por un amigo que é fillo de alguén importante que a nosa canción 'Las tres peras' chegoulle a Pedro Sánchez, o presidente do Goberno, e que a escoitaron no último Consello de Ministro. Igual a incorporan ao sistema educativo". É difícil averiguar se Santi Cañete, baixista e voz da banda madrileña Alpargata, fala en serio ou todo forma parte dese descaro mordaz que empapa o grupo desde os seus inicios. Mentres esperan a chamada dalgún ministro presentan este sábado desde as 22.30 horas no Clavicémbalo de Lugo o seu último disco, 'Locos Vs Gilipollas'.

Será o seu terceiro concerto en Lugo, unha cidade moi familiar para polo menos un membro da banda. "A min encántame Lugo e volver alí sempre é un pracer. A miña nai é de Baleira e levo veraneando alí toda a vida", apunta Santi Cañete.

Catro dos integrantes de Alpargata. JAVIER JIMENO MATÉ

Alpargata chega a Lugo en formato reducido. As circunstancias, e sobre todo o tamaño do escenario do Clavi, obrigan o grupo a desprazar a catro dos sete membros que o compoñen. Estarán Álvaro Vallejo (percusión), Darío Santamaría (frauta traveseira), Mario Boville (guitarra española e voz) e Santi Cañete (baixo e voz). Iso si, o que non faltará é o que lles permitiu sobrevivir a unha industria musical feroz: un humor irreverente e unhas letras enxeñosas, pegadizas e mordaces. Sen ir máis lonxe eles mesmos se definían na súa biografía de Twitter como "os Frank Zappa da rumba".

'Locos Vs Gilipollas' é o quinto disco da banda e o menos "rumbero" de todos

A rumba, un estilo que neste quinto traballo chamado 'Locos Vs Gilipollas' quedou relegado a unha soa canción, algo que nos inicios da banda era impensable. "É o disco menos rumbero de todos", recoñece Cañete. "Só unha canción das once é unha rumba. Ao principio faciamos moita rumba pero neste disco hai moita diversidade musical, estilos moi eclécticos. ¡Metemos ata un bolero!", asegura o baixista.

Alpargata, que acaba de encher o mítico Joy Eslava de Madrid, naceu hai 14 anos dun xeito un pouco peculiar. Santi Cañete e Mario Boville tiñan un grupo con amigos do instituto pero foise á merda" por un enfado do batería. "Diciámoslle que tocaba demasiado forte e quedámonos sen grupo", di Cañete. A partir de aí, xa sós Mario e Santi, decidiron xuntarse con varias guitarras e buscar acompañantes que tocasen outros instrumentos.

A banda evolucionou co paso do tempo. "Cando empezamos non tiñamos nin puta idea do que faciamos. Aprendiámonos as cancións pero non sabiamos nada de música", recoñece Cañete. O punto de inflexión chegou a partir das performances de Mario Boville tras unha xira na que terminaban todos os concertos con striptease. "Converteuse nun círculo vicioso porque cada vez había que facer algo máis bizarro ata que chegou un punto que era imposible. Aí foi cando aprendemos a tocar".

"Antes faciamos máis rumba. Agora apostamos por unha diversidade musical de estilos moi eclécticos", explica Santi Cañete

No Clavicémbalo, asegura Santi Cañete, ademais de soar as once cancións do seu novo disco, tamén tocarán "clásicos que non poden faltar" como 'La Rumba Illuminati', -"Esta rumba que canto/ pa esclavizar a la población/tiene un mensaje oculto de mala leche y de destrucción/Soy un Mk Ultra desde que tengo uso de razón"- ou 'Chotis fusión' -"En la comisaría Centro, en la calle Leganitos/pierde el juicio un madero del distrito/y un taxista vallecano da paseos sin sentido/Para cobrarle de más a un despistado"-.

As súas letras de humor e provocación anegarán unha vez máis un Clavicémbalo que probablemente se encherá ata a bandeira. Así ocorreu en 2017 e en 2018 no mesmo escenario. Entón chegaban coa bandeira do latin jazz. Agora fano coa bandeira do ecléctico. Promete.

Comentarios