"A atmósfera axudou a que o público conectase"

Diana Toucedo amosouse emocionada pola aceptación de 'Trinta lumes' en San Sebastián

A cineasta Diana Toucedo. EP
photo_camera A cineasta Diana Toucedo. EP

As distancias son longas no Courel. Os núcleos de poboación son escasos e os montes aumentan a sensación de separación entre eles. Non acontecen moitas cousas, o tempo avanza despacio. A directora Diana Toucedo (Redondela, 1982) buscou acurtar os quilómetros e as horas coa súa película Trinta lumes. A xente da bisbarra conta as casas abertas por lumes. No medio cento de lumes do Courel queda unha trintena de nenos.

O filme de Toucedo está protagonizado por unha nena de 12 anos. En principio ía ser un documental, pero o "descubrimento" de Alba, de doce anos, cubriu a trama con ficción. "Alba desexa descubrir o descoñecido, o misterioso e o fascinante da morte. Co seu mellor amigo, Samuel, entra en casas abandonadas, percorre aldeas destruídas e adéntrase no interior dunhas montañas que agochan un mundo paralelo. Unha viaxe que parte da inocencia para descubrir o misterio da loita entre a vida e a morte".

A historia de Diana Toucedo proxectouse este domingo na sección Made in Spain do Festival Internacional de Cine de San Sebastián. A realizadora e máis a directora de Fotografía, Lara Vilanova, participaron nun coloquio posterior á proxección no que percibiu que "os espectadores estaban encantados, emocionados".

"Houbo unha conexión grande coa película porque a atmosfera axudou a que os espectadores sentisen a conexión con outro mundo", apreciou a directora, quen salientou que o público acompañou á protagonista "na súa viaxe a outro mundo".

Na tertulia en Donosti "destacaron que os traballos de fotografía e de son importante para lograr a inmersión", que "foi algo buscado levar nesa dirección da película" para conseguir "unha vivencia que non fose soamente ver algo nunha pantalla, que non haxa distancia co Courel e que te sintas dentro del como algo vívido".

"Namorei de Alba, vin que había algo especial nela, algo moi forte que podía dar moito de si", lembra a directora, quen sinala que o seu interese "era poñer de manifesto como configuramos o mundo cando temos 12 anos", no sentido de que "temos unha percepción dunha apertura máis ampla que cando somos adultos é un momento en que todo é posible, no que podemos estar de cara co misterio, e todo iso existe no Courel".

O tempo lento e, asemade, sólido foi a restante estratexia para rodar Trinta lumes. "No Courel vía acentuado o pasado e o presente, e podía imaxinar que o futuro acontece á par", dixo Toucedo, quen desvelou que aproveitou que na zona se vive en función do ciclo repetitivo das estacións do ano, procurou que a cinta tivese "un tempo único", polo que a metraxe que máis usou na edición correpondía co outono e o inverno, "as épocas íntimas do ano".

A franxa temporal máis importante do filme vai de finais de outubro a principios de novembro e ten o seu momento máis destacado no Día dos Defuntos, "porque é cando acontece a temática do achegamento entre a vida e a morte, tan importante en Trinta lumes".

O efecto de que Trinta lumes fose seleccionada entre o mellor do cinema español deste ano para que se proxectase no festival donostiarra de cinema empeza xa a ter efectos. Trinta lumes foi escollido para participar no festival Cinespaña da cidade francesa de Toulouse.

Compartirá a sección do certame francés Violette d'Or -premiada con 6.000 euros- con Carmen y Lola; Jean François i el sentit de la vida, de Sergi Portabella; La enfermedad del domingo, de Ramón Salazar; Les distàncies, de Elena Trapé; Oreina, de Koldo Almandoz, e Quién te cantará, de Carlos Vermut.

A maiores, este luns darase a coñecer que a película de Diana Toucedo -vista xa na Berlinale- foi seleccionada para o Premio Iberoamericano de Cine Fénix, que se celebra en México e ten unha importante proxección en Latinoamérica. Figura no apartado de Fotografía.

Comentarios