A Xunta subvenciona 366 prazas en balnearios para maiores da provincia

As estancias faranse nos centros de Viveiro, Pantón, Palas de Rei e a capital lucense grazas a dous programas autonómicos

Presentación de los programas de termalismo en Lugo. EP
photo_camera Presentación dos programas de termalismo en Lugo. EP

A Xunta oferta 366 prazas en catro establecementos termais da provincia grazas á nova edición dos programas Benestar en Balnearios e Benestar a través da Talasoterapia. O delegado territorial da Administración autonómica, José Manuel Balseiro, explicou este mércores no Hotel Balneario de Lugo os detalles das dúas iniciativas que están dirixidas a maiores de 65 anos ou de 55 que sexan pensionistas e levarán a cabo nos centros Thalasso Cantábrico de Viveiro, Hotel Balneario Augas Santas de Pantón, Balneario Río Pambre de Pas e o centro da capital lucense.

No caso de Benestar en Balnearios ofrécense packs de dez días e nove noites e levarán a cabo entre maio e novembro. Mentres as estancias nos tálasos serán de seis días e cinco noites e terán lugar de maio a novembro.

"A Xunta financia un terzo do custo das prazas e as persoas interesadas teñen ata o vindeiro día 2 de maio para presentar as súas solicitudes, poden facelo a través da sede electrónica da Xunta ou dous respectivos rexistros", explicou Balseiro.

O delegado precisou que as iniciativas "responden a catro obxectivos, xa que contribúen a mellorar a calidade de vida dos maiores, ao fomento de actitudes positivas cara ao coidado da saúde e a promoción da autonomía persoal, a favorecer as relacións sociais e apostan por un sector de actividade no que Galicia é punteira".

En toda a comunidade galega a Xunta oferta un total de 1.062 prazas, 362 en tálasos e 700 en balnearios. Ademais dos establecementos lucenses, forman parte do programa o Hotel Talaso Louro da Toxa, Baños Vellos de Carballo, Balneario de Acuña (Caldas de Reis), Os Baños da Brea (Vila de Cruces), Balneario de Caldelas (Tui), Termas de Cuntis-Hotel Castro, Balneario de Mondariz, Balneario de Molgas, Gran Balneario do Carballiño-Residencia de Tempo Libre do Carballiño, Caldaria Termal de Laias (Cenlle), Lobios-Hotel Lusitano e Caldaria Termal de Arnoia.

Comentarios