A Xunta mellora con 554.000 euros os centros sociais da provincia de Lugo

Os maiores investimentos recaen na capital, con 250.000 euros para os albergues Lug 1 e 2


 

AppleMark
photo_camera Albergue xuvenil Lug 1, na capital lucense

A Xunta de Galicia destinará un total de 554.000 euros á mellora das instalacións dos centros de servizos sociais da provincia de Lugo. As actuacións enmárcanse dentro do plan de recuperación social impulsado para enfrontar a etapa poscovid, que tamén inclúe medidas centradas nas familias e persoas máis vulnerables, especialmente as persoas maiores, así como na infancia e na mocidade.

Dentro deste paquete, as intervencións de maior envergadura céntranse na cidade de Lugo, nos albergues xuvenís Lug 1 e Lug 2, que recibirán 105.000 e 147.000 euros, respectivamente. No primeiro utilizarase para distintas actuacións de reforma de baños e pintura, e no segundo, para a renovación da caldeira e das fiestras. O centro de día especializado na atención a persoas con Alzhéimer da capital recibirá un total de 104.000 euros para a realización de obras de reforma.

Tamén na cidade de Lugo dedicaranse 14.500 euros a adaptar o edificio administrativo da Xunta para garantir a seguridade dos usuarios, e outros 23.000 en mellorar a accesibilidade do centro sociocomunitario do barrio da Milagrosa.

O montante restante dividirase nunha vintena de obras en escolas infantís ou espazos destinados á mocidade en distintos lugares da provincia.

Preto de 20 actuacións destínanse a acondicionar espazos de mocidade en varias comarcas

No ámbito da mocidade, o albergue xuvenil de Area (Viveiro) recibirá 3.500 euros para cambiar a súa porta de entrada; o campamento xuvenil da Devesa (Ribadeo), 27.000 para diferentes actuacións relacionadas coa seguridade da área de acampada; o campamento dos Chacotes (Palas) levará 9.000 para o arranxo de pingueiras na zona do comedor e a cuberta; o Espazo Xove de Chantada recibirá 7.000 para a construción do aseo de persoas con discapacidade; o Espazo Xove de Vilalba, 5.000 para a reparación de baños; o Espazo Xove de Viveiro terá 11.000 para mellorar o saneamento, e a residencia de maiores de Burela, 1.500 para o atornillado de pezas de mármore na fachada. Ademais, o centro de menores Santo Anxo, de Rábade, recibirá 26.000 euros para reformas no interior do edificio, substitución de focos e melloras no xardín.

Os centros sociocomunitarios de Mondoñedo e de Vilalba recibirán cada un 2.000 euros para a reparación de elementos do mobiliario. Os centros de atención a persoas con discapacidade de Sarria e Infanta Elena (Monforte) recibirán 20.000 e 19.000 euros, respectivamente. O primeiro empregaraos en impermeabilizar a terraza de enfermería, repor os tellados e renovar a zona de ducha. O segundo destinaraos á caldeira do edificio.

Ademais, as escolas infantís recibirán 18.000 euros e os centros de día, 10.000, en ambos os casos para obras menores e de mantemento.

Comentarios