A Xunta inviste case 900.000 euros en infraestruturas de dez concellos

Os fondos destinaranse á mellora e humanización de rúas e outros espazos urbanos

José Manuel Balseiro. EP
photo_camera José Manuel Balseiro. EP

Dez concellos lucenses recibirán case 900.000 euros en axudas da Xunta, en dúas anualidades, para a creación e mellora de distintas infraestruturas municipais. Estas subvencións, dirixidas a concellos de menos de 50.000 habitantes, destinaranse, sobre todo, á humanización de rúas e á mellora doutros espazos públicos urbanos.

Así o indicou este martes na presentación destas iniciativas, incluídas no plan Hurbe, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen recalcou que foron os propios concellos quen seleccionaron as actuacións que se executarán. Segundo detallou, o Goberno galego subvenciona o 80% do custo de cada proxecto, con achegas en 2019 e 2020 e cun límite de 96.800 euros por iniciativa.

EN DETALLE. Na Mariña beneficiaranse deste investimento catro concellos. Así, en Ribadeo mellorarase cale Pintor Fierros, en Cervo remodelaranse a rúa e praza do Faro, en Burela acometerase a humanización da rúa Hórreo e en Mondoñedo ampliarase o camiño de Fondoso. Pola súa banda, en Terra Chá haberá fondos para a mellora da praza de Baamonde, no termo municipal de Begonte.

A Montaña é outra das comarcas beneficiadas, con tres intervencións. Nas Nogais humanizarase a estrada de San Andrés desde a zona do cemiterio ata o acceso ao colexio, en Pedrafita mellorarase a cuberta da nave do mercado gandeiro e en Baralla humanizarase a rúa Aranza na súa intersección coa rúa Ánxel Fole.

Para rematar, este programa contempla outras dúas actuacións na comarca de Sarria. Na Pobra de San Xiao (Láncara) reformaranse as beirarrúas da rúa Río Neira e en Paradela humanizarase a contorna da residencia de maiores e das antigas escolas.

Balseiro dixo que, en liñas xerais, recuperaranse espazos públicos peonís para a súa potenciación como zonas de encontro veciñal, actuarase en rúas para que sexan máis seguras para peóns e tráfico rodado e recuperaranse medioambientalmente áreas que estaban degradadas.

Sobre os criterios de valoración seguidos, o delegado territorial sinalou que, tal e como figuraba na convocatoria, priorizáronse as propostas dos concellos que teñen o PXOM actualizado e que acreditaron, ademais, "unha boa xestión e esforzo fiscal".

Balseiro enmarcou estas axudas na aposta da Xunta por pór en valor as vilas e os núcleos rurais.

Comentarios