A Xunta impulsa as escolas infantís de Lugo como piar para a atención á primeira infancia

Máis de 900 nenas e nenos de 0 a 3 anos están matriculados nos centros que dependen da Administración galega 

 

Imaxe de arquivo da conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha escola infantil da comunidade galega. EP
photo_camera A conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha escola infantil da comunidade galega

AS ESCOLAS infantís públicas de titularidade autonómica retomaron a semana pasada a actividade co inicio dun novo ano lectivo no que están matriculados a día de hoxe 8.461 nenas e nenos de 0 a 3 anos, 200 máis que o curso anterior. Destes pequenos, 911 ocupan praza nalgún dos 20 centros que dependen directamente da Xunta de Galicia na provincia de Lugo.

En concreto, na cidade amurallada son tres as escolas da Xunta, ás que asisten diariamente 280 cativas e cativos.

No presente curso 2019-2020, en Galicia a oferta global de prazas sostidas con fondos públicos en escolas infantís supera as 25.000, entre as que se inclúen as que xestionan os concellos, as entidades de iniciativa social e as privadas.

Estas prazas son o dobre das que había en Galicia en 2009 e elevan a ratio de atención ao 44%, nove puntos por riba da recomendada pola Unión Europea.

A tarxeta Benvida, o Bono Coidado ou as Casas Niño son recursos en concellos de menos de 5.000 habitantes

A apertura do curso marca a volta á rutina diaria, que desta vez tivo unha importante novidade. A partir deste curso, faise obrigatorio que todas as nenas e nenos de 0 a 3 anos que asisten a unha escola infantil pública estean ao día no calendario de vacinación.

Este novo requisito demostra o firme compromiso do Goberno galego cos programas de vacinación e a súa excelente acollida é proba de que hoxe en día na sociedade galega existe un consenso total a este respecto.

As familias que soliciten unha praza pública e non a obteñan recibirán o Bono Concilia, unha axuda directa para o pago dunha praza na escola que elixan.

O curso pasado máis de 4.400 familias galegas beneficiáronse desta prestación, isto é, catro veces máis das que a obtiveron no 2009. Soamente na cidade de Lugo concedéronse 350 Bonos Concilia, o 80% de todos os rexistrados no conxunto dos municipios da provincia.

No actual ano académico o total de prazas sostidas con fondos públicos en escolas infantís da comunidade galega supera as 25.000

Nestes momentos está en proceso unha nova convocatoria deste programa de axudas dotada dun crédito inicial de 3,5 millóns de euros, unha contía que poderá incrementarse tanto como sexa necesario para atender a todas as solicitudes que se reciban.

Este ano inclúense dúas imortantes novidades: ampliouse o período de solicitude ata o 31 de outubro para aquelas familias nas que haxa un nacemento, adopción ou acollemento fóra do prazo do período ordinario e, así mesmo, permítese que as familias con nenos e nenas nados en decembro do 2018 ou en xaneiro de 2019 que actualmente estean indoa unha escola infantil privada poidan pedir o Bono Concilia sen ter que solicitar previamente praza nun centro público.

As mellores instalacións

A Xunta de Galicia ten o obxectivo de que todas as pequenas e pequenos sexan educados nunhas instalacións cunha calidade óptima e co mellor dos equipamentos. Por iso o Goberno galego tamén financia investimentos nas escolas infantís municipais e nas de economía social, por un importe de máis dun millón de euros.

En 2018 foron 17 as escolas infantís municipais ou de iniciativa social de Lugo e provincia que se beneficiaron deste programa, do que recibiron 230.000 euros. Estas achegas autonómicas permitiron a realización de obras de adecuación e mellora da accesibilidade dos centros, mercar novo mobiliario —tanto interno como externo— e material didáctico ou de xogo.

É obrigatorio que todas as nenas e os nenos de entre 0 e 3 anos que asistan ás escolas infantís estean vacinados

Estas axudas tamén se destinaron á integración das novas tecnoloxías nas aulas, ao dotalas de conexión a internet, equipalas con ordenadores, encerados dixitais, gravadoras, cámaras de vídeo ou similares.

Estes datos revelan a importancia que para o Executivo autonómico teñen as escolas infantís como recursos de atención á primeira infancia e tamén como servizos que facilitan a harmonización da vida familiar, laboral e social. Neste sentido, hai moitas familias lucenses que percibiron xa melloras no ámbito da conciliación, xa que nunca antes tiveron ao seu alcance a cantidade de programas, recursos e axudas económicas das que dispoñen hoxe para apoialas na crianza das súas fillas e fillos.

Axudas económicas para a crianza

Unha mostra deste apoio ás familias é a Tarxeta Benvida, na que a Xunta leva investidos en toda Galicia máis de 50 millóns de euros desde a súa implantación no ano 2016.

Nestes máis de tres anos, concedéronse 45.000 axudas ao abeiro deste programa para contribuír a afrontar os gastos que supón un nacemento. En concreto, a Tarxeta Benvida chegou xa a 5.710 fogares da provincia de Lugo, dos cales 2.163 residen na cidade amurallada.

Aquelas familias que soliciten unha praza pública nas escolas infantís e non a obteñan recibirán o Bono Concilia

Trátase dunha axuda directa de 1.200 euros durante o primeiro ano de vida do bebé para a compra de alimentos infantís, cueiros, roupa, berces e produtos de hixiene ou farmacéuticos.

Desde o ano 2017, a axuda estendeuse ata o terceiro ano de vida da nena ou neno para aquelas familias cunha renda igual ou inferior aos 22.000 euros, por un importe de 600 euros para o primeiro fillo, 1.200 para o segundo e 2.400 para o terceiro.

Cada ano vaise mellorando a Tarxeta Benvida, e así en 2018 abriuse a posibilidade de que as galegas e galegos residentes no exterior que retornen a Galicia poidan optar á axuda. Por último, a partir deste 2019 pódese presentar xa a solicitude desta achega económica desde o embarazo, sen ter que esperar ao nacemento do bebé.

Outro recurso de conciliación e atención á infancia é o Bono Coidado. Desde hai catro anos as familias poden solicitar esta axuda directa para contratar de maneira puntual a unha persoa coidadora dos seus fillos en situacións ocasionais, por exemplo, en casos de enfermidade ou por motivos laborais excepcionais.

11,15 h.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitará a escola infantil Cativos Restollal (rúa do Restollal, 12). foto xoán crespo17/06/2019Ata hoxe son arredor de 500 as familias de toda Galicia, 70 delas residentes en municipios da provincia lucense, que recorreron a esta opción que en 2019 mellorou as súas condicións ao abrir a posibilidade de que as nais e pais destinen esta achega económica a pagar o custe dunha ludoteca.

Conciliar no rural

O Goberno galego está a levar as súas políticas activas de conciliación aos concellos pequenos e de carácter máis rural, a través dunha iniciativa pioneira en España como son as Casas Niño.

Trátase de servizos polos que as familias non teñen que pagar nada e nos que se presta unha atención personalizada a un máximo de cinco nenos por casa. A Administración autonómica financia o acondicionamento da instalación e o salario da súa responsable. Ata o de agora o 100% das promotoras destas casas son mulleres.

Transcorridos tres anos desde a posta en marcha deste programa, arestora hai 61 casas en funcionamento en toda Galicia, das que 16 están situadas na provincia de Lugo. En concreto, contan con recursos deste tipo os municipios de Castroverde (con dúas), Folgoso do Courel, O Corgo, Láncara, As Nogais, Portomarín, Xermade, Ourol, Paradela, A Pobra do Brollón, Riotorto, O Páramo, Rábade e Triacastela.

Unha listaxe de concellos que se poderá ampliar nos vindeiros meses, pois a Xunta vén de lanzar unha cuarta convocatoria para a creación doutras 15 Casas Niño máis. O obxectivo final desta medida é que o 100% dos concellos de Galicia, teñan o tamaño que teñan, dispoñan de opcións de conciliación para as familias.