Martes. 13.11.2018 |
El tiempo
Martes. 13.11.2018
El tiempo

A Xunta destina 24 millóns ás axudas a explotacións gandeiras da provincia

Un momento da visita de Balseiro á granxa  ecolóxica en Navia. EP
Un momento da visita de Balseiro á granxa ecolóxica en Navia. EP

Puxo en marcha plans de mellora e de incorporación xuvenil  Balseiro visitou unha nova granxa ecolóxica en Navia

A Consellería do Medio Rural apoiou cunha cantidade superior aos 24 millóns de euros a máis de medio centenar de explotacións gandeiras da provincia de Lugo. Fíxoo a través de subvencións enmarcadas nos plans de mellora e incorporación de mozos ao agro, co obxectivo de fomentar a relevación xeracional.

En concreto, as axudas resoltas en 2017 e que se están executando durante este ano inclúen máis de 6 millóns de euros dirixidos a apoiar a incorporación de 194 mozas ás actividades agrarias e gandeiras. Ademais, a esta contía hai que engadir os 18 millóns destinados a 318 explotacións lucenses beneficiarias dos plans de mellora.

Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante a súa visita a unha nova granxa de gando vacún en ecolóxico posta en marcha en Tabillón-Muñis (Navia de Suarna).

Balseiro puxo de exemplo a esta explotación para explicar a "utilidade" destas axudas, xa que a granxa está dirixida por un mozo que ingresa como titular dunha gandería de 35 vacas de carne na Montaña lucense para a súa produción en ecolóxico.

Para desenvolver este proxecto, o titular solicitou a axuda de incorporación, beneficiándose así de 50.000 euros cos que comprou as reses e sufragou a redacción do plan empresarial. Así mesmo, tamén recibiu 43.800 dun plan de mellora, que lle permitiron facer fronte aos gastos de inicio de actividade e equipamento.

O delegado territorial destacou que "o Goberno galego quere estar a carón dos que apostan polo rural e fomentar o emprego non sector agrario. Neste caso está a facelo nun sector en auxe, como é a produción ecolóxica". Agradeceu o esforzo do propietario e aludiu a que "a través de proxectos coma este demóstrase que a Xunta de Galicia está non camiño correcto".

Balseiro explicou, para rematar, que entre os gastos subvencionables por esta liña de axudas están a compra de maquinaria, a elaboración de proxectos técnicos, os permisos e licenzas, a plantación e mellora de cultivos, a compra de novos terreos ou a adquisición de programas informáticos.

A Xunta destina 24 millóns ás axudas a explotacións gandeiras da...
Comentarios