"Veño moi tranquilo, as medidas cúmprense e non teño ningún medo"

O valenciano Sergio Troyano Mir iniciou a ruta en Ponferrada e xa está convencido de que este non "será o último Camiño" para el
El hospitalero Manuel López y el peregrino Sergio Troyano, junto al albergue, en la Escalinata Maior. VILA
photo_camera O hospitalero Manuel López e o peregrino Sergio Troyano, xunto ao albergue, na Escalinata Maior. VILA

Ao valenciano Sergio Troyano Mir o seu 34 aniversario coincidiulle en Sarria. Tras catro días camiñando desde Ponferrada recalou esta semana na localidade lucense, nunha peregrinación polo Camiño Francés planificada uns meses atrás e coa que se mostra entusiasmado. 

"É o meu primeiro Camiño e non será o último", asegura o mozo, quen non se sentiu condicionado pola pandemia á hora de expoñerse vivir esta experiencia. "Eu pasei o covid. Veño moi tranquilo, as medidas de seguridade cúmprense perfectamente e non teño ningún medo", explica. 

Sergio Troyano é un dos primeiros peregrinos que recibe esta tempada Casa Peltre de Sarria. Este albergue, rexentado desde hai once anos por Manuel López Vázquez, pechou o pasado mes de setembro e non reabriu ata esa mesma semana, unha situación impensable en calquera outro Ano Santo. A pandemia deu ao traste coas expectativas que os hospitaleros tiñan postas en 2020 —os anos anteriores ao Xacobeo "adoitan ser moi bos"— e con respecto a este 2021 o sarrián tampouco se mostra polo momento moi optimista. 

"A ver se vai arrincando para o mes de xullo porque en xuño non hai perspectivas moi prometedoras. De cara ao verán son regulares, tirando a baixo, polas reservas que vas tendo", di Manuel López, que nestes momentos traballa nun 95% con reservas previas. 

O Camiño Francés é o elixido pola maioría dos peregrinos e Sarria —onde hai máis de 80 aloxamentos entre albergues, hoteis, pensións, casas de turismo rural, vivendas turísticas e cámping— segue sendo principal punto de inicio desta ruta xacobea, de onde partiron 96.124 persoas en 2019, o que supón un 27,6% do total rexistrado ese ano, segundo datos da Oficina do Peregrino, unhas cifras que de momento parecen aínda afastadas. 

"Nestes meses o 60% eran peregrinos estranxeiros e este ano non están", di o hospitalero sarrián Manuel López

"Eu creo que o feito de vir con pouca afluencia haberá xente á que parará e outra á que motivará", opina Sergio Troyano. No seu caso, e ao ser o seu primeiro Camiño, non sabía o que ía atopar, pero considera un valor engadido poder percorrer a ruta "tranquilamente e sen masificacións". "Vívese máis", comenta o peregrino, quen, no entanto, recoñece os inconvenientes que supón para hospedaxes, comercios, locais hostaleiros e demais establecementos que se nutren en gran parte do Camiño de Santiago. 

Este valenciano lanzouse á ruta coas motivacións de "facer deporte, coñecer xente e gozar da natureza e da paisaxe, que é espectacular". "Hai tempo que quería facer o Camiño. Pillei o billete en plena pandemia sen saber se ía poder vir ou non porque na miña comunidade non se podía saír, pero coa esperanza de que co fin do estado de alarma nos deixasen", relata Sergio Troyano, quen é natural da localidade de Burjasot e traballa no almacén dun supermercado. 

Camiña só, pero estableceu amizade cun grupo de cinco ou seis persoas coas que coincide na súa peregrinación. "Os poucos que hai facendo o Camiño xuntámonos agora", sinala o mozo, a quen catro etapas lle bastaron para confirmar que repetirá. De feito, "xa o tiña claro antes de vir", nunha sorte de presentimento sobre unha experiencia que sabía que ía ser especial. 

Como el, practicamente todas as persoas que percorren estes días o Camiño Francés son españolas. "Entre finais de abril e principios de xuño, o 60% dos peregrinos eran estranxeiros e non están", confirma Manuel López, quen espera o seu regreso para gozar dunha ruta segura. 

SEPARACIÓN E AFORAMENTOS. "Os que veñen ao Camiño non o fan con medo. Coa separación e as máscaras non hai problema ningún. Xa o pasado ano non o houbo en ningún albergue", recorda o hospitalero, quen separou e suprimiu camas por causa da crise sanitaria. 

Por agora, e dentro das restricións motivadas pola pandemia, os albergues teñen limitada a súa ocupación ao 30% do total, o que no seu caso supón só sete prazas. "Espero que en pouco tempo dean permiso para ter máis xente porque vas a calquera bar e nunha terraza de dez metros cadrados hai 40 persoas", reflexiona. 

O hospitalero sarrián considera positiva a ampliación do Xacobeo ao próximo 2022. "Creo que algo beneficia porque á xente o Ano Santo chámaa. Ademais, agora que arranxaron a catedral de Santiago, quitáronlle a andamiaxe e está tan bonita, esperemos que si", reflexiona.


CAMIÑO FRANCÉS
Concellos: O Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso e Palas, na provincia.

Lonxitude: Percorre 154 quilómetros en Galicia (161 na variante de Samos). O quilómetro 100 está en Paradela.

Afluencia: No ano 2019 recibiu 189.937 peregrinos, o 54,65% do total.

Aida Menéndez. SUSO MONTERO

"Hai interese por esta ruta, pero falta implicación pública e privada"

O coñecido como Camiño de Inverno, que parte de Ponferrada e tras atravesar a comarca de Valdeorras discorre pola Ribeira Sacra antes de chegar a Lalín, ten tan só cinco anos de vida. O 16 de agosto de 2016 foi oficializado pola Xunta, aínda que a asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra lévao reivindicando de forma insistente desde hai 22 anos. 

A presidenta deste colectivo, Aida Menéndez Lorenzo, fala dun longo percorrido no tempo para que tomase corpo esta ruta e se visibilizase. Respecto diso, sinalou que se fixo moito por parte do grupo ao que representa en canto a divulgación e agradece os apoios mostrados ultimamente polas administracións públicas, como é o caso da Xunta, que destinou 1,2 millóns de euros para sinalizar e limpar o camiño ou o outro millón destinado a construír un albergue de peregrinos no palacio episcopal de Diomondi, no Saviñao

Tamén valorou as accións dos concellos da Pobra do Brollón e Chantada, que traballan na configuración de senllos albergues públicos. 

Con todo, Menéndez di botar en falta unha maior implicación do sector privado, dos empresarios turísticos. No entanto, está convencida de que "en canto colla carrerilla o noso camiño será un dos máis percorridos". 

Camiños a Santiago pola Ribiera Sacra é unha asociación que apenas dispón de recursos, pois incluso carece de local social. Toda esa ausencia de medios súplese co traballo dos socios, que non dubidan en canto o peregrino contacta con eles por teléfono ou a través das redes sociais para poder selar a súa Compostelá en quedar con el en calquera cafetería do centro da cidade para impoñer o selo na súa cartilla e escoitar a súa experiencia vital como camiñante. 

"Esta ruta non está masificada. É o ideal para os tempos que corren e para aqueles que queiran atoparse consigo mesmo nun camiño de espiritualidade e de comuñón coa natureza", di

PERFIL. As persoas que se deciden a facer esta ruta, explica Aida Menéndez, adoitan ser aqueles que percorreron outras para chegar a Santiago. Son grupos organizados tutelados por unha empresa e tamén algún que outro solitario que escapa "da masificación de camiños como o Francés", engade a presidenta de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra. 

"O resultado é, segundo nos contou máis dun, unha experiencia vital única, sobre todo atendendo á riqueza natural e paisaxística desta ruta", declara Aida Menéndez. 

E é que, di, ir camiñando ao longo de 70 quilómetros a beiras do río Sil e logo atoparse en Belesar co Miño antes de cruzar do Saviñao a Chantada "non ten prezo para todos cos que falamos. Tamén hai que mencionar a sorpresa que levan con Monforte, coa cidade, e o gran patrimonio cultural e artístico que atesoura", sinala a embaixadora do Camiño de Inverno. 

EXPLOSIÓN. Aida Menéndez está convencida de que este outono será un antes e un despois para o Camiño de Inverno. Manifestou que hai unha gran cantidade de grupos que pediron información sobre a ruta para facela nesa época do ano. 

Tamén se mostrou convencida de que a vacinación masiva da poboación facilitará que, en realidade, o 2022 sexa "o verdadeiro Ano Santo Xacobeo". Mentres iso sucede, Menéndez invita a todos a realizar esta ruta. Resalta que Galicia é unha das comunidades con menor incidencia de covid-19 de toda España, en especial a provincia de Lugo. 

A responsable da asociación que impulsa o Camiño de Inverno anima a xente a que se some a esta peregrinación pois "esta ruta non está masificada. É o ideal para os tempos que corren e para aqueles que queiran atoparse consigo mesmo nun camiño de espiritualidade e de comuñón coa natureza, sen esquecernos de todo o que ten que ver co patrimonio cultural".

CAMIÑO DE INVERNO
Concellos: Pasa por Quiroga, Ribas de Sil, Brollón, Monforte (variantes por Sober e Pantón), O Saviñao e Chantada.

Lonxitude: A parte lucense ten 210 quilómetros.

Afluencia: A media de camiñantes sitúase nun milleiro ao ano.

 

A Vía Künig, un trazado á espera de ser ruta xacobea oficial 

A Vía Künig, ese ramal alternativo do Camiño Francés que vai desde a localidade berciana de Herrerías de Valcárcel a Lugo, colle forza. Os alcaldes das Nogais, Becerreá, Baralla, O Corgo e Lugo, así como a asociación que promociona este percorrido, acordaron solicitar á Xunta que faga oficial esta ruta xacobea.

Este traxecto recibe o seu nome do monxe alemán Hermann Künig, autor da guía de peregrinos medieval que recolle este itinerario que se desvía do Francés para evitar a Costa da Faba e o Alto do Poio e escolle zonas máis chairas desde Pedrafita. En Lugo enlaza co Camiño Primitivo. 

O convenio intermunicipal contempla actuacións como o estudo, a creación de cartografía e a limpeza deste trazado bimilenario, por onde discorreu a calzada romana que unía Lucus Augusti con Asturica Augusta e que foi Camiño Real de entrada en Galicia desde Madrid.

Comentarios