Non hai veráns en Lugo sen praia... ¡nin piscina!

Pegarse un bo mergullo de verán é posible en Lugo sen necesidade de viaxar ata a costa
photo_camera Piscina de As Nogais. EP

Mergullámonos, neste caso, non en mar dentro, senón en augas pouco profundas para descubrir as piscinas municipais que ofrecen os concellos de Lugo. E a pesar de que estes últimos días as xornadas foron bastante frescas na provincia, a partir deste venres e espera que a calor volva. Para quen non poden desprazarse ata a costa hai un plan alternativo: darse un mergullo na piscina máis próxima a casa.

Máis dunha vez, sobre todo nos días de onda de calor, apetece darse un baño, pero a preguiza de ir ata a costa ou as altas temperaturas botan abaixo os ánimos. A pesar de que son as grandes esquecidas, as piscinas municipais ofrecen a posibilidade de gozar dun día en familia, por pouco diñeiro (ás veces incluso gratis) e sen ir moi lonxe de casa.

A provincia de Lugo ten unha oferta é moi ampla: de Monterroso a Castroverde, de Friol a Sarria, das Nogais a Lugo ou do Corgo a Portomarín. Están en todos lados e ofrecen todo tipo de servizos a gusto do visitante.

Ademais dos xa mencionados arriba, hai outras piscinas:

Os Carballos (Lugo). O prezo da entrada é 3 euros para menores de 18 e de 5 para adultos. Ofrece dúas piscinas (unha para os máis maiores e outro para nenos) e servizo de bar-restaurante.

Piscina da Pontenova. O acceso a ela é gratuíto. Atópase nunha zona moi asollada, tamén dotada de aparcadoiro e vestiarios con duchas. Nas inmediacións do complexo hai varias áreas recreativas con merendeiros e parque infantil.

Sete Muíños (Guitiriz). A poucos metros da súa área recreativa atópase a piscina municipal xunto a un bosque. Conta con piscina natural de acceso gratuíto (sen horarios) e outra artificial dun custo de 2 euros para as persoas que non están empadroadas no municipio. Na artificial hai servizo de socorrista, duchas externas, aparcadoiro con placas solares para quentar a auga, vestiarios e aseos-duchas.

Monterroso, gran oferta de lecer

Piscina de Monterroso. EP

O recinto conta cun parque infantil, pista de tenis, merendeiro, bar, pub e cámping. Ten tamén cursos de natación e rutas de sendeirismo. A entrada á piscina é gratis.

As Nogais, gratis para menores de 10

O acceso á piscina é gratuíto para os nenos menores de 10 anos. A partir desa idade a entrada custa 2 euros. Conta con amplos vestiarios, duchas e bar-cafetería.

Castroverde, moitas zonas verdes

A entrada é gratuíta, conta con dúas piscinas (unha para nenos e outro para adultos), baños e vestiarios. Ademais ten un bar, unha máquina expendedora e moitas zonas verdes.

O Corgo, diversión con tobogáns

A piscina foi reformada en 2018 e conta con bar-restaurante, vestiarios e baños. Só hai un único vaso equipado con dous tobogáns de auga. O prezo da entrada é 2 euros.

Sarria, unha contorna familiar

Ten tres piscinas, dúas para adultos e unha para os máis pequenos (cunha profundidade de 90 centímetros). A entrada para maiores de 18 costa 1,85 euros e os nenos 0,85 euros.

Portomarín, baño con vistas

Está equipada con dous vasos, un para adultos e outro para os máis pequenos de menor profundidade. O prezo da entrada é 2 euros para os adultos e 1 euro para os nenos.

Friol, un mergullo de categoría

Tras un gran investimento, a piscina ofrece dous vasos (para adultos e nenos). Ten vestiarios, baños, enfermería, bar e cursos de natación. é gratis para menores de 5 anos, de 6-14 anos custa 1 euro e a partir dos 14, 3 euros

Lugo Frigsa, gratis ata final de mes

Durante todo o mes de agosto a piscina de Frigsa é gratuíta para todos os públicos. Contan con tres vasos con distintas profundidades para as diferentes idades e nas horas puntas amplía o seu servizo de socorrismo

comentarios