Extinguido o incendio do Courel e Samos tras calcinar case 300 hectáreas

Os veciños do lugar de Portela pasaron a noite do xoves en vela debido á proximidade do lume ás súas casas, que fixo activar o nivel 2 de alerta
Monte calcinado en Portela. EP
photo_camera Vista aérea do incendio do Courel. BRIGADA DE MARROXO

O incendio forestal rexistrado na parroquia de Meiraos, no municipio lucense de Folgoso do Courel, foi extinguido na tarde este venres tras calcinar 299,85 hectáreas.

Diso informou a Consellería do Medio Rural, que explica que do total de superficie afectada, 105 hectáreas son de arboledo e 195,85 de monte raso.

lume con orixe en Folgoso do Courel calcinou unha superficie de 280 hectáreas entre este municipio e o limítrofe de Samos. A media tarde do xoves, sobre as 18.50 horas, a Consellería de Medio Rural informou de que o lume se estabilizou logo de declararse ao redor das 23.45 horas da noite anterior. Pouco despois quedou controlado.

O forte vento complicou moito os labores de extinción e achegou perigosamente o incendio ás vivendas de Portela, un lugar da parroquia de Gundriz, en Samos. Alí residen dúas familias que pasaron a noite en vela por culpa da extrema proximidade do lume. Esta circunstancia motivou a Medio Rural a declarar o nivel 2 de alerta, desactivado ás 13.30 horas do xoves ao descartar entón que houbese risco para a poboación.

A situación en Portela chegou a ser dramática. Entre as 2.00 e 3.00 horas da madrugada do xoves temeuse que as chamas puidesen afectar as casas.

ASÍ O VIVIRON. Portela atópase a 1.200 metros de altitude. é o núcleo máis elevado de Samos. Xunto ás dúas familias que viven nel estaban catro persoas que se desprazaron o mércores ata o lugar para asistir a unha misa de aniversario.

"De noite pasamos apuro", confesa unha das residentes, quen explica que o lume estivo a uns "300 metros" en liña recta das vivendas. Igualmente indicou que non chegou a afectar a ningunha construción porque "os medios actuaron moi ben e cortárono moi rápido".

Aínda co son dos helicópteros sobre as súas cabezas, esta muller sinala que foi sobre as 3.30 horas da madrugada cando os veciños comezaron a chamar uns por outros ao ver unha "claridade terrible" motivada polo incendio. Durante toda a noite, permaneceron vixiantes e intentando axudar en todo o posible nos labores de extinción, que evitaron males maiores.

DATOS. Este incendio forestal, que xerou moita preocupación polas súas dimensións e por haberse producido fóra de tempada, comezou xunto a unha estrada na parroquia courelá de Meiraos. Medio Rural mobilizou a un técnico, oito axentes, 22 brigadas, dez motobombas, unha pa, seis helicópteros e catro avións co fin de apagalo. Todo apunta a que as chamas foron intencionadas.

O dispositivo traballou acompañado polo Grupo de Urxencias Supramunicipais (GES) de Folgoso do Courel, que prestou axuda ante a posibilidade de que o lume alcanzase casas habitadas. Ata o lugar tamén se desprazaron axentes da Garda Civil e técnicos do 061, cuxa presenza foi requirida ante a posibilidade de que algún dos veciños necesitase asistencia médica.

A voracidade e inmensidade do incendio foi tal que se fixo notar en varios puntos da zona sur de Lugo situados a quilómetros de distancia. é o caso de Sarria, en cuxo centro urbano os veciños percibiron o fume e un intenso cheiro a queimado.

CRÍTICAS. A formación municipalista C@urel Vivo sinalou este xoves que o dispositivo habilitado pola Xunta para extinguir o incendio foi "escaso". O seu portavoz, Óscar Carrete, denunciou que nas peores horas do suceso "só había oito persoas dispoñibles".

C@urel Vivo indicou que o Goberno galego "desmantelou as torres de vixilancia" instaladas no Oribio e Pía Paxaro. "Cambiáronas por unhas ultracámaras que non dan resultado", engadiu Óscar Carrete, quen declarou que en caso de incendio forestal "é fundamental actuar na primeira hora".

Comentarios