Vale moito máis a maña que a forza

Os chantadeses retaron aos seus veciños a medir as súas forzas nas Olimpíadas Rurais, que celebraron o seu décimo aniversario

DO MESMO xeito que na antiga Grecia, sete equipos quixeron coroarse en Chantada como os campións das Olimpíadas Rurais, que este xoves celebraron a súa décima edición. O vello Campo da Feira reuniu a multitude de persoas que quixeron ver en acción aos deportistas.

En total foron 35 os valentes que probaron sorte e que non lle tiveron medo ás probas que dispuxeron os organizadores. E iso que algunhas puxeron nun aperto a máis dun porque tiñan a súa complicación.

O equipo Bacari's Team recoñeceu que a rivalidade fora moi alta e que houbo "moitos piques cos dos outros equipos". Estes olímpicos, sinalaban que practicaran bastante xa que a súa meta era conseguir o primeiro posto, xa que como bos deportistas recoñecen que "sempre hai que aspirar á vitoria".

Pero non só eles querían gañar, senón que por exemplo os integrantes do Portaspingotes, que xa levaban unhas olimpíadas ás súas costas, dicían que eles tamén viñan dispostos a gañar. Aínda que non perderon de vista outro dos seus obxectivos, a diversión. Xa que como sinalou Adrián, "todo o que é facer a mona dásenos ben".

No medio do público había persoas que xa probaran sorte nas Olimpíadas Rurais e que este ano vían os touros desde a barreira, como Patricia. Esta veterana apuntou: "Fai falta maña. A forza axuda, pero non é o único".

CATRO RETOS.  A organización dispuxo catro especialidades para comprobar o nivel dos participantes nesta esixente proba combinada de destrezas rurais.

O primeiro exercicio consistía nunha yinkana con varios retos. Por exemplo, os "deportistas" debían resolver un puzzle que lles permitía empezar unha carreira onde dous membros do equipo ían atados por unha perna. Estes dábanlle a substitución ás carreiras de sacos, onde máis dun acabou polos chans querendo chegar á meta antes que os seus rivais.

Como en toda boa olimpíada rural, en Chantada houbo lanzamento de sacos. Aquí a competición foi máis desigual, porque houbo lanzamentos que chegaron ata os cinco metros e outros que non chegaron aos dous.

Así chegou a quenda do pato mareado, que como o seu nome indica fixo que os olímpicos tivesen bastantes problemas de equilibro e que á hora de apuntar á diana (a segunda parte da proba) os dardos acabasen desviados ou sinxelamente non tivesen forza para cravarse na diana.

E como a olimpíada tiña que ser rural entrou en escena unha carretilla na última proba. ¿Para que se usou? Pois do mesmo xeito que na Fórmula 1 os vehículos tiveron que entrar en boxes para cambiar a roda do seu monopraza. E de novo, a proba desnivelouse porque afrouxar porcas, cambiar unha roda e volver apertar porcas non foi tan sinxelo como parecía nun principio.

Coa táboa de resultados en man os organizadores deron a coñecer os gañadores, que levaron o aplauso do público.

Comentarios