As feiras serán o escenario no que se debullará a ciencia cotiá con máis relevancia na provincia. Será da man de Ciencia á Feira, o proxecto que impulsa o grupo de innovación docente do Campus Terra da USC e que acaba de ser seleccionado para recibir financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), organismo dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación.
Os mercados que se celebran periodicamente en Burela, Muras, Mondoñedo, Friol, Navia de Suarna, O Incio, A Pobra do Brollón e Sober albergarán as charlas e os talleres impartidos pola Xuvenciencia
As enfermidades transmitidas por carrachas, o uso da auga ou os enxertos serán os temas centrais das actividades
Neles abordaranse as enfermidades transmitidas polas carrachas, as claves para a súa prevención, cando e onde son máis habituais as picaduras e o protocolo para extraer correctamente estes ácaros; o consumo sostible do auga e os modelos de xestión doméstica deste recurso; e a utilidade "histórica" dos enxertos para a produción de froitos e o concepto da micorriza. Neste punto tamén se desenvolverá un microinxerto in vitro de castiñeiro, empregando como patrón un híbrido resistente á enfermidade coñecida como tinta, que tanto afecta a esta especie.
Para este proxecto, que arrinca en outubro e busca levar a ciencia "lonxe dos centros convencionais de xeración do coñecemento", Xuvenciencia conta coa colaboración dos concellos implicados, a área de Cultura da Deputación e a delegación da Xunta en Lugo. A maiores, o Centro de Recursos Educativos da Once en Galicia e Divulgacción expresaron o seu desexo de sumarse a esta iniciativa.