A única mesa da provincia na que Vox non logrou nin un só voto está en Friol

A abstención rozou o 50% en Cervantes e Abadín
Jornada electoral
photo_camera Urnas na xornada electoral do 10 de novembro. PEPE FERRÍN (AGN)

Máis de 3.000 votos foi o que creceu Vox na provincia desde as eleccións do pasado 28 de abril, nas que conseguiu 11.450 apoios, ata os 14.475 sufraxios alcanzados este pasado domingo. Este incremento fixo que a formación que lidera Santiago Abascal crecese en practicamente as 538 mesas electorais que se constituíron na provincia. Pero non en todas. Coma se se tratase da pequena aldea gala de Asterix e Obelix resistíndose á invasión romana, en Friol rexistrouse a única mesa electoral —a que abarca as parroquias de Lamas e Narla— na que Vox non obtivo nin un só voto dos 170 emitidos nela.

Esta circunstancia non evitou, con todo, que o partido de Abascal se alzase como a terceira forza máis votada no municipio con 131 votos, o 5,24% do escrutado.

Os datos demostran, no entanto, que a dereita en Friol está de todo menos fragmentada. De feito, o PP non só volveu a ser a formación máis votada, senón que con 1.550 votos o seu discurso convenceu ao 62% do electorado, mentres que só o 20,96% optou polo PSOE.

En canto a Ciudadanos, a caída no municipio tamén foi abafadora pasando dos 108 votos de abril aos 39 do pasado domingo. A formación laranxa non conseguiu votos en dúas mesas, pero queda o consolo de que na que Vox non sumou, eles obtiveron oito.

A abstención rozou o 50% en Cervantes e Abadín
Cun 65,35%, Lugo foi a provincia galega cunha menor participación nos comicios do pasado domingo. Pero en Abadín e Cervantes o cansancio dos veciños á hora de acudir ás urnas foi aínda maior e a abstención situouse no 49,2 e o 47,94%, respectivamente. No polo oposto, Friol, cun 75,60%, foi o municipio galego con maior participación. 

Mondoñedo 
O Ministerio do Interior deu nun primeiro momento para Mondoñedo unha baixa participación de pouco máis do 58%. A alcaldesa da localidade, Elena Candia, advertía dun posible erro na cifra e demostrouse que tiña razón, porque ao final modificáronse os datos e estableceuse que case o 63% dos veciños acudiran á súa cita coas urnas. 

Chantada 
En Chantada, Manuel Lorenzo Varela parece crear unha marca propia, máis potente que o PP. El só, como candidato ao Senado por Lugo, xuntou máis votos que toda a formación conservadora nas urnas do Congreso. O alcalde fíxose con 1.933 papeletas salmón no seu municipio. Foi o terceiro máis votado na provincia, con 64.723 votos. 

C 21 
Converxencia 21, que só se presentaba por Lugo, foi a formación menos votada este domingo. Só conseguiu 64 votos na provincia.

Comentarios