Tráfico di que os accidentes con tractor en Lugo son "obxecto de atención permanente"

Ángel Álvarez precisou que na provincia estamos "ante un parque móbil cunha antigüidade media moi elevada"

O xefe provincial de Tráfico de Lugo, Ángel Álvarez, recoñeceu que a prevalencia dos accidentes con tractor nesta provincia é "un tema obxecto de atención permanente", porque a antigüidade media do parque móbil "é moi elevada" e unha boa parte deses vehículos agrícolas" carecen de elementos de seguridade, o que obriga "a extremar aínda máis a precaución".

Ángel Álvarez fixo estas declaracións aos medios de comunicación antes de participar no minuto de silencio que se gardou este luns ante a Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo en recordo das vítimas dos accidentes de circulación nesta provincia.

O xefe provincial de Tráfico precisou que na provincia de Lugo estamos "ante un parque móbil cunha antigüidade media moi elevada" que, "por desgraza, non dispón dos elementos de seguridade que si teñen os tractores máis modernos".

De feito, "en moitos casos nin dispoñen de arcos de seguridade e non digamos xa dun asento en condicións".

"Iso ten que ver, aínda que non só, coa mala utilización do móbil. Polo tanto, temos que insistir en que cando se conduce, o único que se debe facer é conducir"

Por iso, "hai que extremar aínda máis a atención e a precaución cando se manexan estes vehículos".
Estamos, precisou, ante "un tema obxecto de atención permanente".

Para tratar de evitar este tipo de accidentes, precisou, "púxose en marcha, desde a Xunta de Galicia coa colaboración da Dirección Xeral de Tráfico, unha campaña no ámbito da comunidade autónoma na que a Agrupación de Tráfico e as comandancias da Garda Civil colaboran repartindo información na estrada".

En canto aos sinistros rexistrados nas vías de Lugo no que levamos de ano, recoñeceu que "estamos a rexistrar uns datos peores que o ano pasado, tanto no número de accidentes mortais como no número de falecidos. Agora mesmo temos que falar, en total, de 22 falecidos no que vai de ano, 20 deles en vías interurbanas", dixo Ángel Álvarez, fronte aos 15 rexistrados a estas alturas en 2018.

Entre os "grandes problemas" detectados na provincia, o xefe provincial de Tráfico fixo referencia "este ano especialmente" " falta de atención á hora de conducir", porque "en vías interurbanas, máis da metade dos accidentes aparecen como factor recorrente as distraccións".

"Iso ten que ver, aínda que non só, coa mala utilización do móbil. Polo tanto, temos que insistir en que cando se conduce, o único que se debe facer é conducir. Conducir é moito máis que sentar aos mandos dun vehículo e manexalo. é prestar atención en todo momento ao que hai na estrada, para evitar que nos pase algo", dixo o xefe de Tráfico.

Comentarios