Un total de 2.694 lucenses vacináronse este domingo

O 75 % das persoas convocadas este fin de semana acudiron á cita e recibiron a inxección, de Pfizer no caso das persoas de entre 70 e 79 anos, e de AstraZeneca para o grupo de entre 60 e 65
Vacunación masiva en el Hula. XESÚS PONTE
photo_camera Vacinación masiva no Hula. XESÚS PONTE

Un 75 por cento dos citados este fin de semana en Galicia acudiron a vacinarse contra a covid-19, un total de 32.560 persoas pertencentes aos grupos poboacionais de entre 60-65 anos e 70-79 anos, segundo informou a Xunta de Galicia. Na xornada deste domingo, nos recintos de vacinación masiva habilitados pola Consellería de Sanidade, recibiron a inxección un total de 21.274 persoas de entre 70 e 79 anos. Así, das 25.550 persoas que estaban citadas, recibiron a primeira dose o 83 por cento.

Por áreas sanitarias, este domingo foron vacinadas 4.336 persoas na de Coruña-Cee; 1.527 na área de Ferrol; 3.886 na de Santiago-Barbanza; 1.989 na de Pontevedra-O Salnés; 4.366 na de Vigo; 2.476 na área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras e 2.694 na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

Ademais, durante este fin de semana detectáronse un total de 35 casos positivos nos distintos cribados realizados pola Dirección xeral de Saúde Pública. Das preto de 25.000 persoas que estaban chamadas para realizar probas diagnósticas, 25 deron resultado positivo, aos que se suman outros 10 dos cribados realizados a mozos nas farmacias de Pontevedra.

No conxunto de puntos de cribado habilitados na área da Coruña detectáronse 11 casos, á parte dun positivo no aeroporto de Alvedro; 4 no cribado realizado en Meira, un no do Barco de Valdeorras e 8 nas diferentes probas realizadas en Vilanova de Arousa.

Xunto con estes cribados, a consellería de Sanidade, en colaboración co Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, realizou máis de 7.000 test de saliva entre os mozos de 12 a 17 anos, co que se detectaron, por agora, 10 casos positivos (3 na área sanitaria de Vigo e outros 7 na de Pontevedra), o que supón un 0,14 por cento de positividade.

Comentarios