miércoles. 21.08.2019 |
El tiempo
miércoles. 21.08.2019
El tiempo

Tomei di que hai pacto para gobernar en San Marcos e o BNG négao

José Tomei. TOÑO PARGA
José Tomei. TOÑO PARGA

O candidato socialista á presidencia da Deputación afirma que só queda "pasar a limpo" o acordo programático e de áreas

O candidato socialista a presidir a Deputación de Lugo, José Tomé, afirmou este luns pola noite, tras unhas tres horas de reunión co BNG, que "hai acordo" para cogobernar a institución provincial e que só falta "pasalo a limpo". Con todo, á vez que o alcalde de Monforte facía esas declaracións, a portavoz do equipo negociador nacionalista desmentíao. "Tomé sabe perfectamente que iso non é verdade. Avanzamos moito nalgunhas cuestións, pero hai algúns flocos, temos discrepancias e quedamos de resolvelas entre mañá [por este martes] e pasado", afirmaba Goretti Sanmartín, secretaria de Implantación e Estratexia Municipal do BNG e exvicepresidenta da Deputación da Coruña.

Do mesmo xeito que a semana pasada, Sanmartín desprazouse desde Santiago para dirixir unha negociación á que este luns se incorporaron os tres futuros deputados nacionalistas, Maite Ferreiro, Efrén Castro e Mónica Freire, concelleiros en Lugo, Sarria e Ribadeo, respectivamente. O primeiro día estivo Antonio Veiga, que deixará de ser deputado.

Pola parte socialista acudiron os mesmos representantes. Xunto a Tomé estiveron o secretario de Organización do PSdeG e presidente da xestora provincial, José Antonio Quiroga; a deputada en funcións e candidata a repetir, Pilar García Porto, e o exalcalde de Castro de Rei e exasesor do PSOE na Deputación, Juan José Díaz Valiño.

A duración da reunión, de aproximadamente tres horas, apunta a que as partes avanzaron moito no acordo programático e na repartición das áreas, pero mentres que Tomé aseguraba que ambos os aspectos estaban pechados, o BNG insistía en matizar que "hai cuestión sobre as que temos que seguir falando. Hai que acabar de acordar", afirmou Sanmartín.

"Eu digo que hai acordo. Outros que digan o que queiran", replicaba Tomé pasadas as dez da noite. Explicaba que as partes quedaron en pór por escrito o programa de goberno que acordaron e a repartición das áreas e de intercambiar os documentos este martes ao longo da mañá, "para entender todos o mesmo ou se hai que aclarar ou matizar algo. Iso para min é un acordo", afirmaba.

A previsión -explicou Tomé- é que o pacto se firme e se dea a coñecer este mércores, xa que o pleno para a constitución da corporación provincial e a investidura do presidente está fixado para o xoves ás doce da mañá.

MODELO. A pesar de que o acordo estaría practicamente feito, Tomé rexeitou dar detalles porque así o acordaron PSOE e BNG, dixo. Todo apunta a que socialistas e nacionalistas reproducirán un modelo moi similar ao de anteriores bipartitos e ao que teñen noutras deputacións galegas, onde o partido maioritario preside e o socio ten unha vicepresidencia. O candidato a presidente apuntou que haberá cuestións que serán similares e outras nas que haberá matices "porque as circunstancias cambiaron".

Neste novo mandato, o PSOE terá dez deputados, un menos, que gañou o BNG. En anteriores coalicións, os nacionalistas xestionaron áreas como cultura, benestar social, igualdade, mocidade e deporte. O BNG chegou a presidir o CB Breogán, ao ser a Deputación nese momento o accionista principal, aínda que o labor do socialista Pablo Rivera no ámbito deportivo nos últimos anos é recoñecida.

O BNG limitouse a indicar que houbo acordos en cuestións importantes para a formación, como o adelgazamento da Deputación, a transparencia e que os concellos teñan autonomía e recursos de xeito equitativo.

Tomei di que hai pacto para gobernar en San Marcos e o BNG négao
Comentarios