Tenreira, queixo do Cebreiro e grelos, desde este venres en máis de 50 restaurantes

Estes produtos degustaranse, ata o día 26, no marco do ciclo de Exaltacións Gastronómicas

Asistentes a la presentación de las jornadas de las Exaltacións Gastronómicas. SEBAS SENANDE
photo_camera Asistentes á presentación das xornadas das Exaltacións Gastronómicas. SEBAS SENANDE

Tenreira Galega Suprema, Carne de Rubia Galega, Grelos de Galicia e Queixo do Cebreiro serán, desde este venres e ata o día 26, os tres produtos estrela do ciclo Exaltacións Gastronómicas ...e para Comer, Lugo, organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo (Apehl) en colaboración coa Deputación e El Progreso. Estes produtos poderán ser degustados, durante eses días, en 51 restaurantes de toda a provincia. 

Estas segundas xornadas das Exaltacións Gastronómicas foron presentadas este mércores na Deputación polo deputado provincial de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde; o presidente de Apehl, Cheché Real; o director comercial de El Progreso, José María Álvarez Vilabrille, e representantes dos produtos, denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas participantes no ciclo. 

María Teresa Prado, de Queixo do Cebreiro, recordou, na súa intervención, que a denominación do Queixo do Cebreiro ofrece dous produtos: o fresco e o curado, "o gran descoñecido". 

José María Álvarez Vilabrille, director comercial de El Progreso, indicou que "é fundamental a transversalidade á hora de promocionar este tipo de produtos". Tamén recordou que "estas iniciativas merecen difusión para dar a coñecer e potenciar a provincia". 

César Fieiras, de Afapan, recordou que estaba en trámites a IXP do Pan Galego; Andrés de la Fuente, de Grelos de Galicia, recordou que, a través da IXP, "se poden consumir grelos todo o ano, envasados, e non só no inverno"; Jesús González, de Tenreira Galega, indicou que o 75 por cento das explotacións de carne de Tenreira Galega Suprema están en Lugo e Eduardo Vidal destacou que o obxectivo da campaña Exaltacións Gastronómicas é fomentar o turismo gastronómico, en alza. 

Estas xornadas repetiranse os últimos dez días de cada mes ata novembro. As de xuño serán do 21 ao 30 e versarán sobre a pescada do pincho de Burela, a raza Ovella Galega e a IXP Castaña de Galicia. Os produtos presentes en todas as xornadas son o viño da CRDO Ribeira Sacra, o pan de Lugo (Afapan), a IXP Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia e Galletas Daveiga.

establecementos

Comentarios