Tellado culpa a Pontón de que un "cavernícola" e "machista" presida a Deputación de Lugo

O secretario xeral da populares denuncia un "feminismo de dobre rapadoira" na esquerda tras as palabras de Tomé sobre Elena Candia
Rueda de prensa de Miguel Tellado
photo_camera Miguel Tellado. AEP

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, é "a principal responsable" de manter á fronte da Deputación de Lugo ao socialista José Tomé, ao que cualificou de "cavernícola", "machista" e "agresor" polas súas palabras sobre a vestimenta da líder popular na provincia, Elena Candia. 

Na súa rolda de prensa habitual dos venres, o número dous do PPdeG asegurou que se Tomé segue no seu cargo é polo "apoio explícito" do Bloque, que goberna a institución en coalición co PSOE pero que na última semana tamén criticou as polémicas declaracións do presidente sobre Candia.

Neste contexto, Tellado aproveitou para agradecer "todas as mostras de apoio" pola presidenta do PP lucense e para advertir que, aínda que está "moi ben a solidariedade", non acepta "leccións de feminismo" dos nacionalistas. "Non aceptamos leccións de feminismo dese BNG que se solidariza coa muller insultada pero, ao mesmo tempo, mantén ao agresor, ao insultador, a un machista á fronte da Deputación de Lugo. Polo tanto, fraco compromiso co feminismo o que practica o BNG de Ana Pontón", sentenciou.

"FEMINISMO DE DOBRE RAPADOIRA". Ante esta polémica, o secretario xeral do PPdeG tamén lamentou que o líder do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, o "primeiro" que fixo fose "xustificar os comentarios machistas", xa que "só logo da presión mediática desculpouse" e "coa boca pequena".  Así, Tellado denunciou que exista un "feminismo de dobre rapadoira" nos partidos da esquerda: "Cando se produce unha conduta machista por parte dun membro do PP é gravísimo, pero cando o protagoniza un responsable da esquerda é cando chegan as medias tintas". 

Dito isto, e ao ser preguntado respecto diso, o secretario xeral do PPdeG destacou as "numerosas mostras de apoio públicas e privadas" recibidas por Candia, aínda que dixo "descoñecer" se entre elas estaban as de asociacións feministas.

Comentarios