"O talento non ten xénero"

Son mulleres con profesións e perspectivas distintas, pero coa reivindicación común de construír un futuro libre de diferenzas de xénero. Máis alá dos matices, boa parte delas aposta por converter a igualdade nun elemento transversal, presente na educación, para avanzar de xeito decidido nese camiño

UN GRUPO de profesionais, con distintas traxectorias vitais, analizan o fenómeno da desigualdade. Son voces diversas pero conscientes da forza da acción conxunta das mulleres para facer valer os seus dereitos.

MONTSERRAT VALCÁRCEL Vicerreitora do Campus de Lugo

"A educación igualitaria desbota estereotipos"

A menor presenza de mulleres en carreiras técnicas responde a estereotipos que "só se poden superar cunha educación igualitaria desde a infancia", según Montserrat Valcárcel. "As decisións das mozas de non elixir o ámbito tecnolóxico son froito destes estereotipos. Aínda que a ciencia é un mundo onde os méritos non se miden por escalas subxectivas, atopamos fendas para os prexuízos, basta só con observar os cadros máis altos de persoal investigador con moitos homes e poucas mulleres. O obxectivo é que a igualdade sexa considerada un principio transversal nas diferentes ramas do coñecemento", engade. A presión pola excelencia no mundo científico e empresarial "propiciou que se comece a esixir políticas de igualdade que faciliten ás mulleres a incorporación profesional en postos de liderado, O talento non ten xénero", afirma Valcárcel.

BEGOÑA CAMPOS Oncóloga no Hula

"Na Medicina avanzouse moito cará á igualdade"

Begoña Campos, oncóloga no Hospital Lucus Agusti, manifesta que a Medicina é unha das profesións na que "máis recoñecida está a igualdade entre homes e mulleres. Só falta que nos animemos máis a ocupar postos de maior responsabilidade e carga directiva, porque temos valía, pero fáltanos decisión". Campos matiza que "é unha cuestión de prioridades e de querer disfrutar da vida".

CARMEN FIGUEIRAS Preside o Colexio de Arquitectos

"A cidade debe ter perspectiva de xénero"

Carmen Figueiras, presidenta do Colexio de Arquitectos de Lugo, cre que queda moito por andar para "rachar co teito de cristal". Figueiras destaca que o urbanismo "non é neutro. Debe ter perspectiva de xénero. Se pensamos no envellecemento na cidade de Lugo, con anciás que viven soas, a accesibilidade e a mellora da mobilidade poñen o foco nas súas necesidades. En Euskadi e Valencia xa se deseña en clave feminina".

OLGA NOVO Premio Nacional de Poesía de 2021

"A visión androcéntrica do mundo permea todo"

A poeta Olga Novo apunta que a institucionalización do 8-M "tende a focalizar a atención sobre un aspecto nun día concreto e dese xeito os poderes banalizan o significado profundo e a forza das reivindicacións. Sen negar a súa importancia a nivel simbólico, a loita pola igualdade non pode ficar nunha data celebratoria no calendario, senón devir un elemento transversal, cotiá, presente na educación —na casa e na escola— desde a máis tenra infancia". Olga Novo lembra que a desigualdade "é estrutural, soamente transformando as estruturas sociais podemos atacar o corazón do patriarcado. É un labor de todas e de todos, de cada día, de portas para fóra pero sobre todo de portas para dentro. A visión androcéntrica do mundo permea todo".

BENEDICTA SÁNCHEZ Actriz e Premio Goya no 2020

"Todo cambiou moito nos últimos 50 anos"

Benedicta Sánchez comenta que nas últimas décadas "houbo un cambio radical na situación da muller se a comparamos co existente hai 50 anos, sobre todo en países como España, bastante máis atrasados que outros europeos". Aínda que di sentirse "fóra de perigro", confía en que o movemento feminista "acaden logros que nos permitan seguir avanzando cara a un maior equilibrio".

LUCÍA PÉREZ Cantante de O Incio

"Hai que ter en conta que somos o que cantamos"

Lucía Pérez explica que "as cancións con mensaxes son positivas contribúen ao empoderamento da muller, do mesmo xeito que hai música sexista. Somos o que cantamos". A intérprete de O Incio xa experimentou co cambio de letras de cancións tradicionais galegas "para quitarlles expresións machistas" e participa nun proxecto co grupo A Roda.

MARTA RODRÍGUEZ ENGROBA Presidenta de ‘Si Hai Saída’

"Das leis sobre maltrato á realidade hai un treito"

Marta Rodríguez Engroba, portavoz del colectivo ‘Si hai saída’, lamenta que o confinamento "deixou moi desprotexidas as víctimas de maltrato, con fallos como a falta de personal especializado en violencia de xénero na comisaría de Lugo nas pontes festivas, o que fixo que en Nadal se sumaran nove días sen el". Da aprobación das leis á eficacia da súa aplicación "hai un longo treito e para percorrelo hai que ter máis en conta a voz dos colectivos que traballamos con elas e coñecemos a súa situación".

SALETA FERNÁNDEZ Campiona de salto de altura

"O patrocinio e os medios son fundamentais"

"O mundo do deporte evolucionou, aínda que queda moito camiño para correxir a desigualdade, algo que se nota máis en deportes como o fútbol e o baloncesto que no atletismo", explica a atleta monfortina Saleta Fernánez, campiona de España de salto de altura. Opina que a mellora dos patrocinios e unha maior repercusión mediática do deporte feminino "son fundamentais para contribuír á súa equiparación co masculino, sobre todo no tema salarial".

VERÓNICA MARCOS Presidenta de Fademur

"Non se visibiliza o traballo da muller rural"

Verónica Marcos, presidenta da Federación Galega de Mulleres Rurais (Fademur), denuncia "a falta de visibilización do traballo da muller no campo, que inclúe o coidado de fillos e maiores. O noso papel non está suficientemente recoñecido". Marcos sinala que a lei de titularidade compartida das explotacións "tivo pouca repercusión. Agora estamos pendentes da aprobación da lei de recuperación de terras, que dará preferencia ás mulleres, con especial consideración ás que foron vítimas de violencia de xénero".

Comentarios