Tabernas en perigo de extinción

Galicia perdeu preto de 4.000 bares desde 2010, moitos deles cantinas de aldeas que morren un pouco con cada porta que pecha. O seu valor non é o café ou o viño, senón ter sempre á man ese veciño co que amañar o mundo.
Casa Celia, taberna de Codesido (Vilalba). C. PÉREZ
photo_camera Ángeles Bermúdez, cun cliente de Casa Celia, en Codesido. C. PÉREZ

A cultura de taberna de Galicia é singular e os galegos presumimos de pousar o cóbado na barra mellor ca ninguén, pero iso pode estar cambiando. Os bares van a menos e estamos en risco de perder un sinal de identidade: a cantina rural.

Desde o ano 2010, España perdeu un 17% dos seus bares, segundo os datos do Ine, que computa 168.065 establecementos en 2023 fronte os 202.720 que había en 2010. O descenso en Galicia superou porcentualmente a media estatal, con 3.876 bares menos, un 23,5% do total. A comunidade galega só é superada en peches por Madrid (26,3%) e por Castela e León (24%).

E entre estes negocios que apagaron a cafeteira, a desfeita foi especialmente notoria nas aldeas, onde as cantinas tradicionais, nas que tanto se podía pedir un viño coma un paquete de arroz, foron botando a chave unha tras outra. Non hai relevo, nin de taberneiros nin de clientes, e eses locais que tanta vida dan ás aldeas están agora en perigo de extinción.

Os que sobreviven non é por rendibilidade económica, senón polo amor á barra dos seus propietarios, conscientes de que pechar unha cantina de aldea é eliminar un local social onde reunirse cos veciños, un estadio onde ver fútbol, unha cámara de debate desde a que amañar o mundo, un centro de saúde para a alma ou un spa no que relaxarse e desconectar tras a xornada de traballo.

Cantina da Campa de Vilarello da Igrexa

Benigno Gómez Tadín.
Benigno Gómez Tadín. XESÚS PONTE

Benigno Gómez Tadín, alcalde de Cervantes, compaxinaba ata o mes pasado o traballo de rexedor co de taberneiro. Cada noite, prendía a luz da cantina da Campa, en Vilarello da Igrexa, e recibía os veciños con ganas de falar.

"Máis que un bar, era o centro social, e a xente bótao en falta porque non queda outro. O máis próximo está en Doiras, a cinco quilómetros", comenta con nostalxia. "Teño 70 anos, xa podía estar xubilado hai tempo, pero tiven aberto ata decembro polos clientes, que ás noites viñan xogar a partida e falar un pouco. Polo día non hai ninguén, que son todos gandeiros e teñen traballo, pero ás noites aínda me veñen ver á casa ás veces, aínda que a cantina xa está pechada".

A taberna de Benigno Gómez estivo aberta máis de cen anos. "Fundouse no 1915. Quen a abriu debeu ser un tío do meu pai, que era tratante de gando", conta. O negocio sempre estivo na súa casa. "Primeiro estaba na casa vella, que está enfrente, e cando nos mudamos para a nova levámolo con nós", comenta. Tiñan tamén ultramarinos, "unha tendiña pequena por se alguén necesita un quilo de azucre".

Benigno Gómez lembra que o seu pai chegou xestionar na cantina 600 cartillas de racionamento

Pero en tempos o establecemento foi moi importante para a zona. "O meu pai chegou a xestionar 600 cartillas de racionamento. A xente viña á tenda buscar o que lle correspondía nos tempos das restricións", explica o alcalde de Cervantes.

Eran tempos duros. "Non había moito de nada e aínda que houbera a xente non o podía comprar. Os desta zona negociaban coa carne. Compraban en Navia e ían vender a Veiga de Valcarce porque en León pagábana mellor ca en Galicia, así que os tratantes levábana andando pola vía romana, pola Braña, para gañar algo", comenta.

Benigno Gómez di que a súa cantina era unha afección. "Non se gaña nada, por iso pechan todas, pero son necesarias porque dan vida ás aldeas e son lugares de reunión. Serven como complemento a outros traballos, pero non para vivir delas, e deberían ter bonificación nas cotizacións á Seguridade Social, para que á xente non lle custe tanto mantelas".

Confesa que antes de pechar pensou en deixarlla a alguén, "aínda que fora unha asociación ou calquera que a puidera abrir, pero non é fácil porque forma parte da miña casa, ata comparte un baño", comenta, consciente de que os veciños de Vilarello botan en falta as noites de conversa.

Casa Bortelón na Fontaneira

Julio Fernández Pin
Julio Fernández Pin. XESÚS PONTE

A mesma sensación teñen os da Fontaneira, en Baleira, desde que Julio Fernández Pin pechou Casa Bortelón. Conta que se xubilou por incapacidade e con moita pena. "Custoume moito pechar, pero non podía seguir traballando no bar. Os veciños bótano en falta porque non quedan máis, e tamén os peregrinos, que paraban para comer unha tortilla ou un bocadillo e agora teñen que andar cinco quilómetros máis ata chegar ao local máis próximo, no Cádavo".

Durante 20 anos, Casa Bortelón foi "lugar de xuntanza. Tiña moita xente, por falta de clientes non pechei porque non só viñan os da Fontaneira, senón de moitos lugares", lembra o dono.

Julio Fernández pechou o único bar da Fontaneira e aínda o botan en falta os veciños

Houbo un tempo no que era punto de encontro para partidas de cartas. "Despois iso foise perdendo, os que xogaban foron morrendo. E a xente colleu hábito de vir nas fins de semana, tomar uns viños ou unhas racións. Non daba nada especial, pero á xente gustáballe e non sentou ben o peche porque non contaban con iso", explica.

Julio Fernández bota tamén en falta ese contacto diario cos veciños, aínda que non se aburre. "Agora dedícome á música. Sempre quixen aprender e aproveito que teño tempo. Hai un ano empecei a tocar o acordeón e despois a frauta e estou encantado. A ver se chego a tocar a gaita. Gústame e reláxame moito", comenta.

Casa Lamas en Trobo

casa lamas
Adelina Lolo e Jesús Lamas. ROSENDE

Os que aínda son afortunados e tal vez non saiban ata que punto son os veciños de Trobo, en Begonte, que aínda poden atopar con quen falar en Casa Lamas, unha tenda de toda a vida, con bar e ultramarinos, que xa viu pasar tres xeracións polo mostrador.

Adelina Lolo é a encargada actual, pero o negocio herdouno da familia do seu home, Jesús Lamas. "Os fundadores foron os avós do meu home, Jesús e Encarnación. Despois pasou aos meus sogros, José Lamas e Amparo Dorado, e agora estamos nós", resume.

Vivenda e negocio comparten casa, como sempre foi, "coa cociña ao lado da tenda". Complementan esta actividade coa venda de pensos. "O negocio baixou moito. Agora a maioría da xente vai facer a compra a grandes superficies ou tráenlla os fillos. Aquí só veñen se esquecen algo", comenta a tendeira.

Adelina Lolo é da terceira xeración de Casa Lamas e di que o negocio perdeu vida coa pandemia

Tampouco hai tanto movemento como había no bar. "Os domingos despois da misa xuntábase moita xente e polas tardes tamén, para os cafés. Antes os clientes viñan xogar a partida, pero coa pandemia os hábitos cambiaron. Nas aldeas hai moita xente maior e colleu medo", explica Adelina Lolo.

Lembra os tempos de bonanza nos que Casa Lamas era lugar de referencia en Trobo. "Era moi bonito e bo para favorecer o contacto entre os veciños. Aínda hoxe teño na casa os meus sogros, de 84 e 85 anos, que se alegran cando ven xente na tenda e aínda aproveitan para falar un pouco, aínda que sexa do tempo", apunta.

Casa Celia en Codesido

Ángeles Bermúdez, Casa Celia
Ángeles Bermúdez. C. PÉREZ

Onde tamén hai conversa é en Casa Celia, na parroquia vilalbesa de Codesido, que mantén as portas abertas desde hai máis de cen anos. Ángeles Bermúdez, a actual xerente, alugou o negocio hai 16 anos. "Collino de Celia, que morreu con 92 anos, e xa o abrira o seu pai, así que imaxina o tempo que leva", explica.

Di que neste momento é moi difícil mantelo aberto "porque a ganancia é moi pouca e os impostos son elevados. Na tenda teño que ter prezos competitivos e non hai marxe posible. Págolle á empregada, pero sacar un soldo para min non é viable".

Ángeles Bermúdez rexenta Casa Celia, con 100 anos de historia en Codesido

Pero Ángeles Bermúdez está disposta a sacar adiante Casa Celia como sexa. "A clientela é o mellor que temos. Somos punto de encontro para os xubilados e aínda podemos atender máis clientes e nos veñen", di entre risas.

Tamén na tenda ten en conta as necesidades dos veciños. "É un ultramarinos de toda a vida, con algo de todo para saír do apuro. Temos froita do día, queixos, conservas e a verdura que non hai nas casas. Por exemplo, agora temos leituga, tomates, o que non dan as hortas neste tempo".

O caso é ter a xente contenta e dar un servizo que vai máis alá do hostaleiro e entra de cheo no ámbito social.

Camiño Norte en Trabada 

Rubén García Freije. J.Mª ÁLVEZ
Rubén García Freije. J.Mª ÁLVEZ

Así o concibe Rubén García Freije, propietario do único bar do núcleo de Trabada e desde hai uns días tamén alcalde do municipio. "Hai unha relación familiar cos clientes. Son veciños, coñecémonos todos e sabemos uns da vida dos outros", explica.

No seu bar, o Camiño Norte, amáñase o mundo. "Trátanse todos os temas de actualidade. Moita xente vén máis por ver os veciños e falar un pouco que por tomar o café", comenta Rubén García.

O Camiño Norte é o único bar do núcleo de Trabada e recibe clientes de varias parroquias porque no concello só hai outros dous bares e están lonxe. O actual rexedor é tamén o propietario do único supermercado do municipio. "Está en fronte do bar. O supermercado si que é o único que hai no concello", comenta.

Rubén García ten o bar do núcleo de Trabada e o único supermercado que hai no municipio

Rubén García asumiu este mes a alcaldía de Trabada, un labor que lle vai ocupar tempo. "Por sorte, tanto no bar coma no supermercado teño xente en quen delegar. Xa a tiña antes e confío plenamente neles", afirma.

E está ben que haxa quen axude porque Rubén García é consciente da importancia de manter o servizo que presta o seu mesón. "A función dun bar rural ten máis que ver co ámbito social que coa hostalería". Así que procurará que o Camiño Norte teña unha longa e animada vida.

Comentarios