Son d'Aldea mostrará como era a comunicación antigamente no rural

O evento, que se celebrará en Albá, Santo Xusto e Vilafofe, contará cunha mesa redonda sobre o patrimonio e varias obras teatrais

Un momento del acto de presentación. EP
photo_camera Un momento do acto de presentación. EP

A edición deste ano do espectáculo Son d'Aldea, que terá lugar en Albá, Santo Xusto e Vilafofe —Palas de Rei—, analizará a transmisión de noticias no ámbito rural. O evento inaugurarase o día 31 de agosto cunha mesa redonda centrada no patrimonio e pecharase ao día seguinte cunha actuación de Airiños da Freba. Este xoves foi o acto de presentación do VIII Son d'Aldea, que este ano se centrará en contar a través de espectáculos musicais e teatrais como circulaban as noticias na zona rural. Na exposición das actuacións que se celebrarán participaron a deputada Pilar García Porto, o concelleiro palense Amando Sande, e varios representantes do comité organizador. Entre eles estaban Afonso García, de Metátese Teatro, e Xosé Luís Carreira, de Arqueixal.

EVENTOS. A celebración comezará ás 16.30 horas do venres, día 31 de agosto, coa recepción dos participantes e unha mesa redonda que versará sobre a patrimonialización e a posta en valor da cultura do rural. Nela intervirán as investigadoras Cristina Sánchez, do Consello Superior de Investigacións Científicas, e Guadalupe Jiménez, da USC, ademais de César Llana, da Xunta de Galicia.

Ás oito arrincará o monólogo Xeografía do imaxinario, representado por Soledad Felloza. Unha hora máis tarde os asistentes poderán gozar dunha cea previa á actuación da asociación cultural A Fonte de Merlán.

A xornada do sábado iniciarase ás 9.30 horas coa recepción aos asistentes. Ao longo da mañá celebrarase unha ruta teatral denominada As novas na aldea, que analizará a comunicación de noticias en zonas rurais como cruces de camiños, lavadoiros, feiras... ás dúas e media do mediodía cesarán as actuacións momentaneamente para comer.

Renovaranse as actividades cunha mostra de oficios e xogos tradicionais con Xotramu ás 17.00 horas. Ás oito da tarde o grupo teatral Chévere representará a última obra desta edición de Son d'Aldea, As fillas bravas.

O evento pecharase cunha festa amenizada por Airiños da Freba, que comezará ao redor das nove da noite.

Mais actuacións
XIX Mostra de Teatro Amador de Palas de Rei
O Festival son d'Aldea enmárcase dentro da decimonovena edición da Mostra Internacional de Teatro Amador de Palas de Rei. Desde este xoves e ata o 2 de setembro, en varias localizacións do municipio interpretaranse obras de teatro de temática variada.

Brandariz actúa este venres
O actor galego Pedro Brandariz presentará este venres ás 21.00 horas a súa obra Profunizando na Galiza Profunda na casa da cultura de Pas.

 

Comentarios