PSOE e BNG selan o pacto de goberno da Deputación de Lugo

O socialista José Tomé será o presidente e a nacionalista Maite Ferreiro a vicepresidenta

José Tomé y Maite Ferreiro.EP
photo_camera José Tomei e Maite Ferreiro.EP

O alcalde de Monforte, José Tomé, converterase este xoves no terceiro presidente socialista na historia da Deputación de Lugo, tras selar este mércores un pacto de goberno co BNG.

A nacionalista Maite Ferreiro será a vicepresidenta do organismo provincial, cargo que compaxinará co de concelleira de cultura no Concello de Lugo.

O acordo contempla que ambos os partidos se comprometen a "adelgazar" a Deputación, polo que establecerán negociacións coa Xunta de Galicia para o traspaso de infraestruturas, "equipamentos, centros e servizos", respectando os dereitos laborais dos traballadores afectados.

A xunta de goberno estará composta por sete deputados do PSDEG-PSOE e dous do BNG. Os socialistas xestionarán as competencias de economía, recadación, facenda, relacións cos concellos, igualdade e medio ambiente incluída a granxa Gayoso Castro e o Pazo de Tor-, entre outras, e os nacionalistas cultura, deportes, artesanía, normalización lingüística e medio rural.

Con este acordo o bipartito será posible cos votos dos dez deputados do PSdeG-PSOE e os tres do BNG, frtente aos 12 do PP.

MEDIDAS E COMPROMISOS

Entre as medidas transversais que inclúe este acordo está o afianzar o principio de cooperación institucional, garantir os principios de ética e transparencia na gobernación pública da institución, aplicar a normativa do uso da lingua galega e mellorar os recursos existentes para "desenvolver unha verdadeira política de normalización lingüística", ou garantir o uso da linguaxe inclusiva e da perspectiva de xénero.

Do mesmo xeito, ambos os partidos márcanse unha aposta por medidas de concienciación ambiental e comprométense a impulsar a Lei de Memoria Histórica, así como traballar para loitar contra o despoboamento do rural.

Con respecto aos compromisos programáticos, figura unha mellora na celeridade das accións administrativas, a mellora dos trámites internos mediante a adaptación do Regulamento Orgánico, a transferencia á Xunta das "competencias que lle son impropias ao ente provincial" ou o incremento da porcentaxe destinada ao Plan Único.

O novo goberno provincial traballará para "disolver coa máxima celeridade a Sociedade Pública Mercantil Suplusa", para "completar o proceso de transferencia" coa Xunta e os concellos en materia de estradas e para continuar a súa colaboración co campus universitario. Apoiar o sector agropecuario e o tecido empresarial, así como facer rendibles os recursos turísticos, son algúns dos elementos que tamén inclúe o documento.

Comentarios