Soben a 36 os concellos lucenses libres de covid, pero preocupa Chantada

Mellora a incidencia do virus na capital provincial, que cae a 79 casos por cada cen mil habitantes nas últimas dúas semanas
Personal sanitario realiza un cribado en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ / ARCHIVO
photo_camera Persoal sanitario realiza un cribado en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ

Chantada e Lugo mantéñense como os dous concellos da provincia con maior incidencia do coronavirus. A situación preocupa especialmente na vila da Asma que, tras detectar 29 positivos nas últimas dúas semanas, mantén unha taxa de 355,5 casos por cada cen mil habitantes. Se se teñen en conta soamente os rexistrados nos últimos sete días, parece que se modera un pouco a tendencia, ao ser 11 as infeccións, o que apunta a unha contención no avance do virus nunha poboación que ten o único brote activo nunha residencia de maiores de toda Galicia, con 13 contaxiados —11 usuarios e dous traballadores— no xeriátrico da localidade.

En canto á capital provincial, mellora a situación da pandemia. Así, a incidencia acumulada cae a 79 casos por cada cen mil habitantes tras rexistrarse 78 positivos en catorce días, despois de que unha semana antes alcanzase o centenar de casos.

Á marxe destes dous concellos, as taxas máis elevadas de contagios en función da poboación rexístranas Carballedo, Láncara, Pantón e A Pastoriza, que manteñen unha incidencia por encima dos 150 casos por cada cen mil habitantes, aínda que o Sergas non concreta a cifra de infectados e limítase a detallar que se atopan "entre 1 e 9".

Os datos actualizados este mércores pola Consellería de Sanidade amosan un aspecto positivo: ascenden a 36 os municipios lucenses libres do covid-19. Na xornada anterior eran só 32 dos 67 concellos da provincia, o que indica unha melloría, aínda que non se alcanzan aínda os corenta que se atopaban sen casos hai dúas semanas.

GRANDE SURBES. As dúas cidades galegas coa incidencia acumulada máis alta son Vigo e A Coruña, ambas cunha taxa superior a 100. Ferrol e Santiago, pola súa banda, manteñen a súa taxa por baixo de 50.

CIDADE CASOS EN 14 DÍAS INCIDENCIA ACUMULADA
Vigo 400 135
A Coruña 262 106
Ourense 86 81
Pontevedra 81 97
Lugo 78 79
Santiago 45 46
Ferrol 29 44

 

Comentarios