Sempre a punto para sorprender

Imaxinación e graza son dons escasos e no Entroido quen os ten destaca. Desde o tradicional da Ribeira Sacra ao espectacular de Foz. A cabeza non para.
Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Javier Castiñeira, terceiro pola dereita na fila de abaixo, nos saltos de Acapulco.

Raro é non ter participado algunha vez no Entroido, pero sempre hai quen brilla. Esa persoa que sorprende cada ano cunha caracterización impecable, que derrocha imaxinación e humor, que saca punta de calquera detalle e que se esforza por lograr un disfraz único.

Daniel Fernández, de Vilalba, e Javier Castiñeira, de Foz, cadran á perfección nesta definición. Contan os días que faltan para o Entroido. A cabeza non lles para en todo o ano e sorprenden coa súa inventiva. Raúl Fernández tamén se entrega de cheo ao Entroido, pero ao tradicional, ao que debe conservarse porque é patrimonio cultural do pobo.

O máis tradicional

Raúl Fernández, entroido ribeirao
Raúl Fernández, co pucho de volante.

Na Ribeira Sacra vívense estas datas dun xeito moi especial. As celebracións tradicionais do Entroido Ribeirao sobreviven grazas ao traballo de persoas como Raúl Fernández González, que cada ano corren o Entroido como sempre se fixo na parroquia chantadesa de Santiago de Arriba. Alí dan a benvida á primavera, bendicen os campos e, xa de paso, montan algo de troula.

Raúl Fernández é de Nogueira, pero explica que "alí deixouse de facer o Entroido e saio en Santiago de Arriba". Durante tres domingos e o martes de Entroido, volantes, mecos e maragatos toman a aldea. "O volante é o máis rico, o que se vestía mellor; o maragato é o que defende o volante e vai vestido con peles de animais e trapos. O meco é un personaxe satírico que se disfraza en referencia a cousas que pasaron na parroquia", explica Raúl Fernández.

"Imos rotando cada domingo", apunta, e tamén lle ten tocado levar o pucho, unha estrutura decorada con cintas e figuras de moitas cores que os volantes portan. "Cruzamos as hortas para fertilizalas e simbolizar a entrada da primavera. O pucho leva bonecos que representan os nenos entre as flores", explica.

Raúl Fernández participa como volante, maragato e meco no Entroido Ribeirao  chantadino

Hoxe abrirán o desfile de comparsas de Chantada e mañá volverán á súa parroquia. O martes será o seu último paseo. "Ese día facemos o choro do pucho. Antes queimábase, pero agora non. Despedímolo cun ritual, un baile arredor del. Despois facemos un percorrido polas hortas en sentido contrario ao habitual e gardámolo ata o ano seguinte", comenta Raúl Fernández.

Participa no Entroido Ribeirao desde que tiña tres anos e fala da tradición con entusiasmo. "É a festa que máis se vive por aquí. Agora aínda o imos representar a outros sitios, a Compostela ou a Viana do Bolo, pero antes era só na parroquia. A xente estaba esperando con ansia ese momento".

Para Raúl Fernández o traxe de volante non é un disfraz, senón un sinal de identidade vinculado a unha tradición declarada Ben de Interese Cultural. "Para ir de festa a un baile hai outros disfraces".

Só ante o perigo

Dani Fernández
Dani Fernández, no Gran Hermano.

Diso sabe moito Daniel Fernández, un rapaz de Vilalba que ano tras ano sorprende coas súas caracterizacións. El e o seu pai son referentes no Entroido vilalbés, os seus disfraces xeran expectación. Son sempre críticos coa actualidade, ben traballados e moi orixinais.

Nin pai nin fillo saben do que irá o outro. "Cada un traballa nunha parte da casa e non invadimos o espazo do outro", conta. Só coincidiron unha vez. "Cando estaba de moda Podemos os dous nos disfrazamos de Pablo Iglesias. Eu ía de Podemos e Desbrocemos e levaba unha árbore con pólas de cada partido e unha motoserra. O meu pai levaba referencias a políticos locais", lembra.

Daniel Fernández di que o importante para desfrutar do Entroido é meterse no personaxe. "Tes que vivilo", di, e tómao a peito. Nunha ocasión foi disfrazado de terraza de fumadores, con toldo e cinceiros. "Foi cando se prohibiu fumar. Quedaba na porta dos bares, as terrazas non entran, e alí estaba a disposición dos fumadores", explica.

Aínda se lembra en Vilalba o seu disfraz de Transformer da Policía Local, pero tamén foi de váter ou de árbore de Nadal, "cunha estrutura metálica e luces conectadas á batería dun coche".

Daniel Fernández é un referente en Vilalba pola súa inventiva para caracterizarse

Tamén se vestiu de Boney M, pero facíanlle falta acompañantes e improvisou unha coreografía coas camareiras da discoteca na que estaba. "Se é un cuarteto hai que buscalo, non podía ir eu só".

Onde estivo só toda a noite foi no plató de Gran Hermano VIP que montou unha noite en Vilalba. "Eu era Paquirrín. Tiña un jacuzzi, sofá, confesionario con fotos da Pantoja e cámaras grabando todo o tempo. Estaban conectadas á televisión do bar A Pravia e alí me puideron ver en directo toda a noite", explica.

Desfruta da caracterización e dos preparativos que require. "Gústame facer os disfraces", comenta, e tamén di que se viste en calquera momento do ano. "Na xira de Vilalba, fun ao Arde Lucus de Xesucristo e para ir á cea da xeración do 82 teño o meu traxe laranxa, en honor a Naranjito".

E nos bailes de máscaras non era raro ver a Daniel Fernández con tres ou catro disfraces ao longo da mesma noite. Os seus amigos sempre eran obxecto das súas bromas porque nunca lle daban seguido a pista. 

Este ano non estará en Vilalba porque traballa en Asturias, pero non renuncia á súa afección. "Teño unha nena de tres anos e disfrazareime con ela. Quere ir de Rapunzel, así que eu serei a torre. Aínda non está segura, pero unha torre logo se improvisa", di coa calma da voz da experiencia..

Bo humor compartido

Javier Castiñeira
Javier Castiñeira, como Humphrey Bogart.

Quen tamén ten moitas táboas é Javier Castiñeira, que leva desde neno participando nos desfiles de Entroido de Foz. O que fora alcalde da localidade conta que a súa nai "formaba parte da Asociación de Amas de Casa de Foz cando se organizou o primeiro desfile de Entroido. Fixeron unha carroza e xa me levou".

Foi empezar e non parar. "As amas de casa facían un baile e sempre ía, pero tamén me lembro de ir correr o Entroido polas casas cos amigos". O tema profesionalizouse no 2006, cando formou cun grupo de amigos a Peña Ñass. "Empezamos xa en decembro, co debate de ideas e o deseño, e en xaneiro xa nos poñemos de cheo coa confección do disfraz, coa montaxe dos bailes, a música e a carroza", explica.

Asegura que "o Entroido de Foz está no traballo das peñas, que é o que distingue esta festa doutras. Hai unhas 2.000 personas implicadas no Entroido. Iso é un patrimonio enorme", comenta.

A gran cantidade de participantes xera competitividade e eleva o nivel ano tras ano. "É un hándicap, hai que ter afán de mellorar. En Foz non podes presentar calquera cousa, hai un nivel alto e tamén o saben os participantes que veñen de fóra".

Javier Castiñeira forma parte dunha peña de Foz que non perde unha festa

Javier Castiñeira di que o leva pasado moi ben no Entroido, pero se ten que elixir un disfraz queda co concurso de saltos de Acapulco. "Cada un competía por un país. Na carroza levabamos unha roca e saltabamos para unhas colchonetas. Non nos matamos de milagre. Sen ser a mellor carroza, era moi divertida", lembra.

Outra que lle deixou bos recordos foi a do coliseum romano. "Esa marcou un antes e un despois no Entroido de Foz. Deu moito que facer, pero lucía moito. Ía nun camión de 13 metros e non se vía nada do vehículo. Levou o primeiro premio. Quedamos dez anos de primeiros en carrozas. Agora competimos como grupo", apunta. Pero iso non é demérito ningún. Se antes tiñan un camión, agora levan un todoterreo.

Na casa de Javier Castiñeira vívese o Entroido con intensidade. "A miña filla e a miña muller van noutro grupo. Somos rivais", di entre risas, pero intúese a fachenda pola afección compartida.

O exalcalde de Foz considera que a competencia entre comparsas é positiva para o concello porque axuda a dinamizalo. "Obrígate a traballar todo o ano para conseguir fondos para toda a montaxe. As comparsas organizan eventos no verán, no Samaín... As grandes poden ter uns 10.000 euros de gasto e de algún lado hai que sacalos. Hainas con 80 compoñentes e a 200 euros por persoa, bota contas".

Pero o esforzo ten recompensa e hoxe as rúas de Foz volveranse encher de cor e alegría para desfrutar da súa Festa de Interese Turístico e Javier Castiñeira sumará un feixe de risas máis para a lembranza.

Comentarios