Termómetro semanal do covid: cada vez hai menos concellos libres de coronavirus

A provincia pasa de 42 municipios sen virus a 37 en só sete días mentres se incrementa o número de casos totais
Cribado en el Basanta Silva de Vilalba. M.R
photo_camera Cribado no Basanta Silva de Vilalba. M.R

O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo crece con respecto á semana pasada debido, sobre todo, ao brote que afecta á Mariña occidental. Hai sete días rexistrábanse na provincia 224 casos, mentres que este luns eran 249 e o martes subiron ata os 253. Un aumento que ten un epicentro claro: Viveiro, concello que se atopa no nivel alto de restricións, do que probablemente non salga tras a reunión do comité clínico desta tarde. Viveiro contaba este luns con 50 positivos, 16 máis que hai unha semana, o que se traduce nunha incidencia de 324. No concello limítrofe de Xove a situación é parecida. Conta con 11 casos fronte aos 6 de hai sete días; é dicir, unha incidencia de 335. En Cervo pasouse de 4 a 7 positivos, cunha incidencia de 165.

A tónica ascendente repítese en boa parte dos concellos da Mariña, Ribadeo, por exemplo, tiña este luns unha incidencia de 141 tras pasar de 4 a 14 positivos. En Burela hai 9 casos cando hai unha semana había 5; o que implica unha incidencia de 94. O xerente do Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, referiuse este luns ao brote de Viveiro.

Casos activos na provincia de Lugo

"Cremos que el brote está estabilizado e confiamos en non ter que aplicar medidas máis duras. é o que esperamos, pero tampouco somos adivinos. Estamos a traballar para que non haxa que aplicar máis restricións", dixo. En Vilalba, que se atopa no nivel medio de alerta xunto a Monfote, Cervo e Xove, rexistrouse unha lixeira subida de casos, de 24 a 27, cunha incidencia de 189.

Na capital chairega realizouse o fin de semana un cribado a case 500 persoas no Instituto de Secundaria Santiago Basanta Silva, entre alumnos e persoal do centro, e Ares precisou que todas as probas deron negativo. En Monforte a situación mantense estable de face á reunión do comité clínico. Conta con 22 casos, un menos que a semana pasada, e ten unha incidencia de 119.

O número de municipios libres de covid na provincia baixa con respecto á pasada semana, pasando de 42 a 37, mentres que cun só caso hai 13, fronte aos 5 de hai sete días. 

Comentarios