Só Barreiros, Ribeira de Piquín e Sober pecharon o 2016 con déficit

O resto dos concellos lucenses rexistraron superávit e manteñen as súas contas saneadas  Nove municipios aforraron por encima do millón de euros, segundo datos de Facenda

A maioría dos municipios lucenses rexistran superávit ao peche dos seus exercicios económicos, segundo os datos dos que dispón o Ministerio de Facenda. Os últimos datan de 2016 e indican que só tres concellos rexistraron déficit, os de Barreiros (-73.256 euros), Ribeira de Piquín (-234.382) e Sober (-307.975).

O resto das administracións locais tiveron saldos positivos, nalgúns casos por encima do millón de euros. Estes últimos son Burela (1.909.082 euros), Chantada (1.143.155), Foz (1.746.352), Lugo (2.221.183), Monforte de Lemos (1.376.860), Ribadeo (1.173.736), Sarria (1.374.885), Vilalba (1.828.439) e Viveiro (1.524.932).

O Ministerio de Facenda remitiu estas cifras en resposta a unha pregunta do PSOE, que se interesou pola situación económica dos concellos lucenses.

Cando o Goberno central decidiu impor restricións de gasto para limitar o déficit das administracións públicas, moitos representantes dos gobernos locais lucenses protestaron por estas medidas e argumentaron que non eran as administracións locais quen xeraban a débeda pública, senón outras administracións. Criticaban que se limitase a súa opción de gasto nun momento no que resultaba fundamental a creación de emprego e o incremento de servizos.

As cifras do Ministerio de Facenda demostran que a maioría dos gobernos lucenses reduciron os seus déficits desde 2012

Estas cifras demostran que a maioría dos gobernos locais lucenses xestionaron os seus recursos segundo as súas capacidades e incluso lograron aforrar.

Algúns, como Trabada ou Triacastela, mostran lixeiros déficits constantes entre 2012 e 2015, pero se recuperan e obteñen saldo positivo en 2016. Outros experimentan altibaixos, como é o caso de Sarria ou Viveiro, que alternan peches en positivo e en negativo, pero conclúen 2016 en positivo.

É significativo o caso de Cospeito, que rexistrou en 2012 un déficit de 1.397.627 euros, ao ano seguinte xa tiña un superávit de 264.395 euros e mantense en cifras positivas ata 2016.

O Concello de Antas de Ulla non presentou datos en 2016, pero en 2015 tiña superávit, tras tres anualidades con déficit.

Comentarios