A ponte despídese de branco en zonas altas de Lugo

O litoral galego mantense este xoves en alerta laranxa, mentres que se desactiva o aviso por nevadas

Varios animales andan sobre la nieve en Cervantes. PIORNEDO ANDA
photo_camera Animais sobre a neve caída este mércores en Cervantes. PIORNEDO ANDA

Meteogalicia anunciaba que a xornada deste mércores continuaría marcada pola inestabilidade atmosférica, e a previsión confirmouse con neve nas montañas de Lugo e Ourense, precipitacións "localmente fortes" e un notable descenso das temperaturas. Ao mesmo tempo, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior activou a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego por ondas de ata oito metros. O aviso de nivel laranxa mantense para este xoves, cando si desaparece a alerta por neve.

Este mércores, coa cota entre os 800 e os 1.100 metros, si que estivo moi presente. Por iso, a Deputación de Lugo despregou 44 operarios e 29 máquinas e vehículos para paliar os efectos das nevadas da borrasca Varra na rede viaria provincial, un dispositivo que traballa nunhas 70 estradas que discorren por doce municipios da Montaña e da zona sur.

Os equipos facilitaron a circulación e garantiron a seguridade despexando as estradas de neve e xeo, un traballo que comezou na madrugada do martes ao mércores e continuou durante a mañá. Os municipios afectados son Baleira, Becerreá, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Cervantes, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Ribas de Sil e Samos. Nas vías destes municipios, engade a Deputación, circulábase este mércores "con dificultade". 

[ Neve na Fonsagrada este mércores ]

De feito, na tarde deste mércores a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) mantiña dúas vías lucenses na lista das "afectadas" pola neve e o xeo: a LU-633 en Pedrafita do Cebreiro —na que está prohibida a circulación de camións e vehículos articulados— e a A-6 ao seu paso polo mesmo municipio, "transitable con precaución".

Ademais, a estrada do Carballal (O Courel) á Pobra do Brollón estivo unhas horas cortada debido a un desprendemento de terra. A media tarde xa estaba aberta de novo.

 

 

No que respecta a Ourense, as nevadas deixáronse notar especialmente en zonas como A Gudiña, O Barco e A Veiga. 

O temporal de neve afectou en España a máis de 60 estradas e portos, dos que este mércores 12 están cortados ao tráfico en Asturias, Aragón, Castilla y León, Navarra e La Rioja, mentres que era obrigatorio o uso de cadeas noutras corenta vías.

¿E O XOVES? Neste punto, tras unha longa ponte, as previsións de Meteogalicia anuncian que este xoves unha fronte cálida afectará á comunidade desde as primeiras horas da mañá, deixando ceos cubertos e choivas débiles. Con todo, cara á noite chegará unha fronte fría que xa provocará precipitacións máis intensas.

No que respecta ás temperaturas, haberá un ascenso, máis acusado nos valores máximos. Así, nas principais cidades as mínimas moveranse entre os 7 graos de Lugo e os 12 de Vigo. As máximas, mentres, alcanzarán os 15 en Ourense e quedarán nos 12 na capital lucense.

O vento soprará de compoñente oeste con intervalos fortes ao longo do día no litoral e zonas altas do interior. 

Mantense a alerta laranxa en todo o litoral galego, cunha situación "complicada" por mar de fondo e ondas de máis de 5 metros.

Comentarios