O proxecto Vía Künig espera que os peregrinos cheguen a esta ruta na primavera

Os membros da iniciativa para impulsar esta variante do Camiño traballan nunha web informativa e un vídeo promocional do itinerario

Cartel en As Nogais con mención a la Vía Künig. EP
photo_camera Cartel nas Nogais con mención á Vía Künig. EP

Os responsables do Proxecto Vía Künig queren que o percorrido se encha de peregrinos a próxima primavera. Así o recoñeceu o director do mesmo, Javier Gómez, que explicou que os integrantes da iniciativa traballan nunha serie de ideas para publicitar este itinerario alternativo do Camiño de Santiago, e que esperan que termine contando coa aprobación de Patrimonio para convertela nunha vía oficial da ruta xacobea.

"Agora mesmo o noso obxectivo primordial é promocionar a vía, que a xente descubra un camiño precioso como é a Vía Künig. Estamos a gravar un vídeo promocional, deseñando un tríptico que sairá publicado en varios idiomas e tamén estamos traballando na que será unha páxina web. Esperamos que na primavera os peregrinos comecen xa a pasar por ela", indicou Javier Gómez.

Este proxecto está formado por sete integrantes -entre os que se atopan historiadores, guías turísticos ou intérpretes- e conta coa colaboración dos cinco concellos polos que pasa a ruta, que son As Nogais, Becerreá, Baralla, O Corgo e Lugo. "Quería puntualizar que nós non temos que ver coas reclamacións sobre a Vía Künig que fan o colectivo Patrimonio dos Ancares e Val de Torés. Non é que teñamos, nin moito menos, ningún tipo de problemas con estes colectivos, pero son proxectos diferentes. Incluso o trazado do camiño non é o mesmo", afirmou Gómez.

Os integrantes da iniciativa xa comezaron o estudo histórico da vía, delimitaron o trazado o percorrido e esperan que a Xunta recoñeza o itinerario. "Presentaremos un informe a Patrimonio no que esperamos que se recoñeza como oficial a Vía Künig, pero isto non é o primordial para nós. O principal é que a xente saiba que existe e poida gozar dela", comentou o director.

¿E que ten de interese esta ruta? Gómez teno moi claro: "É un camiño precioso que vai sempre por bosques autóctonos e camiños de terra, con paisaxes impresionantes e onde respirar tranquilidade. Ademais, é sinxelo orograficamente, hai asociacións de sendeirismo e bicicletas que están moi interesadas nel debido á súa natureza. Sería interesante tamén recordar que se trata dun camiño histórico xa que foi vía romana, camiño medieval e camiño real, polo que a riqueza de distintas épocas pode dar lugar a representacións e historias coas que enriquecer a andaina".

O proxecto conta cos apoios dos cinco municipios polos que pasa. "Temos un convenio asinado cos concellos, que ademais deixaron unha partida reservada nos presupostos para apoiar a vía. Ademais, a sorte que temos é que xa hai unha infraestrutura para absorber peregrinos, aínda que se empeza a ter éxito, comezarán a xurdir máis albergues e máis cousas", engadiu Gómez.

Algún dos concellos, como As Nogais, empezou a sinalizar os lugares por onde transcorre este camiño trazado polo monxe alemán Herman Künig no século XV.

Comentarios