jueves. 23.09.2021 |
El tiempo
jueves. 23.09.2021
El tiempo

"A provincia ten unha riqueza patrimonial de primeirísimo nivel"

omán rodrígeuz
Román Rodríguez. XESÚS PONTE
Román Rodríguez, conselleiro de cultura e educación, defende que a riqueza patrimonial luguesa rima co que piden os tempos: descentralización, aposta polo local e potencia paisaxística 

A retirada temporal da candidatura da Ribeira Sacra a Ben Mundial non está impedindo que a zona estea experimentando unha boa tempada turística este verán.

A candidatura, que non chegou ao seu punto final, foi unha constante promoción dun territorio que de por si é excepcional a escala mundial pola paisaxe natural característica do Sil e do Miño, o carácter vitícola e a enorme riqueza patrimonial. A todo isto engadimos o traballo que está facendo o sector, con actividades, rutas e acondicionamento de espazos.

Como recibiu esa retirada da candidatura?

Inda que doeu, ten pasado noutras ocasións. En España pasou co Priorat ou coa Menorca Talayótica, que agora é candidata, ou no ámbito internacional con Prosecco, unha rexión italiana moi parecida á Ribeira Sacra que chegou a retirar a candidatura e foi finalmente recoñecida. É un punto e seguido.

Cal é a folla de ruta para reformular o proxecto?

É unha folla de ruta compartida entre a Xunta e o Goberno central. En setembro teremos unha entrevista cos técnicos de Icomos para ver cales son os aspectos a refacer e tamén para falar dos puntos do seu informe que estaban errados.

Que outros bens patrimoniais cómpre impulsar na provincia?

Lugo é unha provincia con moitos aspectos positivos, pero o patrimonio cultural e histórico é un dos máis significativos. Todas as rutas xacobeas, a muralla, as catedrais... Temos unha riqueza de primeirísimo nivel, e niso estamos traballando. Na muralla investimos nos últimos anos cinco millóns de euros, e temos pendente a licenza de obra para un mantemento no que se investiron 630.000 euros. Tamén estamos actuando co Plan Catedrais, cunha mellora en marcha no claustro de Lugo.

Como mudou o covid a promoción do patrimonio cultural?

Fíxonos reflexionar sobre o modelo de consumo turístico e de cultura, alonxándonos do foco masivo e poñendo na mesa a importancia do pequeno. Nese sentido, a provincia, coas súas serras orientais, a costa, as vilas históricas e todo o patrimonio cultural asociado ten moito potencial.

Como se reformulou a programación cultural?

Apostamos pola descentralización. Só neste verán temos máis de 3.000 actividades en diferentes programas, como Cultura no Camiño, a rede de festivais, a promoción das bandas de música, o programa Comicamente, a rede de teatro... Pensamos que calquera persoa debe ter acceso á cultura no seu entorno, e esas 30.000 persoas que conforman o sector precisan apoio. A cultura é segura, demostrouno.

Apoiará a Xunta o Museo da Romanización en Lugo?

Nós plantexamos o noso modelo museístico na cidade, que non foi aceptado. É algo que leva moito tempo no debate, e que seguirá estando aí. Outras dúas partes dese proxecto están moi avanzadas, a casa torre pegada á muralla —cun proxecto máis vencellado ao turismo— e o pazo de Dona Urraca —que acollerá unha sede do CGAC—. Os dous están en diferentes fases administrativas para a súa posta en funcionamento.

O auditorio de Lugo segue parado, despois de quince anos.

É inaudito. Fíxose un investimento brutal por parte da Xunta, e agora ten que xestionalo o Concello para poñelo ao dispor dos cidadáns. A cidade de Lugo ten que darse conta de que se está privando dun contenedor cultural de primeirísimo nivel.

Que valoración fai do curso pasado, no contexto do covid?

Fomos capaces de mudar a desconfianza en confianza, de manter as aulas abertas, de que os colexios non fosen lugares de transmisión do virus. Houbo moito traballo por parte da comunidade educativa, e os nenos foron excepcionais. Foi un curso intenso, e nunha especie de aquelarre colectivo sacámolo adiante con boa nota.

Estes días varios centros educativos da provincia manifestaban o seu malestar polos cupos de docentes asignados, disminuídos en relación ao 2019.

O que podo garantir é que vai haber máis profesores neste curso que no 2019, sen dúbida. O número coñecerémolo no seu momento. Agora aínda está a matrícula aberta. Pero hai que ter en conta a demografía, onde hai unha caída altísima en infantil e primaria. Os ratios que temos son os máis baixos de España, fixados pola lexislación orgánica. Porén, imos ter máis profesores, aínda que haxa menos alumnos. Estamos cun proceso de oposicións moi significativo para ter plantillas máis estabilizadas. 

O Consello de Europa emitiu un informe duro sobre a perda de falantes en galego e instou a eliminar as súas limitacións no ensino. Como ve a situación da lingua?

Ao falar da lingua, debemos facelo sempre en positivo. A lingua non é un problema, é unha riqueza. Temos dúas linguas que falamos en total liberdade. O informe Pisa e o Ige din que os galegos somos os que mellor competencia temos na propia lingua. É certo que temos que potenciar o uso do galego nos máis mozos, e temos diferentes accións nesa liña.

Como mide o pulso da cultura galega?

Sorprende que nós, que somos unha comunidade demográficamente pequena, situada nun vértice da Península, teñamos unha cultura tan forte, ten recoñecida, e que ademais de xerar identidade e identificarnos como pobo, xere cidadanía. A cultura galega ten uns grandes creadores, as administracións acompañamos. Ramón Villares di que somos unha nación cultural, e o certo é que temos unha cultura moi forte. Temos que estar orgullosos, como país que somos, da importancia da cultura. 

"Temos todo en pouco espazo, somos un continente"

LIBROS relacionados co patrimonio, ou vacacións para comprobar como foi a mellora dalgún monumento.

O verán non deixa de ser tempo de cultura para Román Rodríguez. Como pasa o verán un conselleiro de Cultura e Educación?

O verán está moi vencellado á cultura, así que como espectador participarei nalgún deses 3.000 actos culturais. A organización do curso si require xestión antes do seu inicio. Pero, coma calquera profesional, preciso algún día de descanso.

Que lugares non perde de visitar cada verán?

Como teño nenos, lévanme á praia, sobre todo ás de Pontevedra. Tamén me gusta moito ir á Ribeira Sacra, á Mariña, á Costa da Morte ou ao Ribeiro. En fin, desfrutar da nosa riqueza, patrimonial, cultural, paisaxística. Somos un pequeno continente onde atopamos de todo en moi pouco espazo.

Que libros ten enriba da mesa?

Teño unha mesa con 20 libros, algúns de ensaio, e outros de evasión. Teño que ler este verán Cultura e política no século XX, de Ramón Villares, que comprei nunha das últimas feiras do libro. E tamén o de María Orduña, El bosque de los cuatro vientos, que foi un agasallo persoal dela, que tamén engarza coa Ribeira Sacra.

No último congreso autonómico do PP confirmouse a representación dos lalinenses no comité executivo. Fálase dunha escola política lalinense.

Tendo en conta que Lalín forma parte da diocese de Lugo, que estamos no centro de Galicia e nos sentimos moi próximos a todos, creo que temos unha visión moi aberta e disposta a solucionar problemas, que é o que temos que facer os políticos, escoitando ás persoas, sendo flexibles, tendo humildade e visión. Non sei se é unha escola de Lalín, pero si de sentido común.

Lalín destácase moito na cultura.

En Lalín destacamos polas artes plásticas, e temos aí a Laxeiro, a quen a Real Academia Galega de Belas Artes dedicará o ano 2022, e tamén a Lamazares ou Colmeiro. Cambados destaca pola parte escultórica, con Asorey, Manolo Paz ou Paco Leiro. Outros pobos destacan por literatos, como Mondoñedo, con Leiras Pulpeiro ou Cunqueiro, ou Padrón, coas fundacións de Rosalía de Castro e de Camilo José Cela. Tamén Celanova, Rianxo... Dá a sensación que hai unha especialización por pobos na vida cultural.

"A provincia ten unha riqueza patrimonial de primeirísimo nivel"
comentarios