Unha provincia de ruralidades queer

Lugo ten moito que dicir sobre o rural como lugar de diversidades sexuais e de xénero. Por unha banda, o Agrocuir supón o espazo do festival, do encontro, da festa da visibilidade. Por outra, Sete Outeiros ofrece un lugar de coidado para o colectivo LGBTQIA+, en especial para persoas trans. Dúas dimensións dunha realidade que se fixo escoitar hai pouco na Complutense.
Adrián Gallero (cara ao centro da imaxe), coas persoas organizadoras do Agrocuir. EP
photo_camera Adrián Gallero (cara ao centro da imaxe), coas persoas organizadoras do Agrocuir. EP

Ruralidades queer: corporalidades e espacialidades disidentes contra un mundo acelerado foi o título dunhas xornadas celebradas na Universidade Complutense. Tres das iniciativas convidadas na mesa do que foi un evento académico pioneiro a nivel estatal eran galegas, e dúas de Lugo. Alí estaban Adrián Gallero, integrante do Colectivo Agrocuir que organiza en Monterroso o festival que este xoves comezou a súa campaña de micromecenado; Xacia Ceive, impulsora de Sete Outeiros, un espazo na Ribeira Sacra para persoas queer e trans; e Daniel Amarelo, da Rede Galega de Estudos Queer.

Artellou este grupo á volta dunha mesa Abel P. Pazos, que realiza a súa tese sobre as ruralidades queer na Universidade de Oviedo, un campo que conta con apenas dez anos de produción teórica sobre as relacións entre o espazo rural e as identidades LGBTQIA+. E se Galicia tivo esa representación na mesa, é porque ten moito que dicir sobre a metronormatividade.

Daniel Amarelo explicaba este concepto nas redes: Trátase da idea de que só existen persoas diversas nas zonas urbanas, nas grandes cidades". Abel P. Pazos continúa: "Esta idea, de que as espacialidades rurais son diversofóbicas, impide ver expresións de diversidade no rural, e tamén as violencias perpetradas na cidade", comenta Abel. "Cando as agresións se producen no rural, responsabilízase a comunidade. En Barcelona, a ninguén se lle ocorrería responsabilizar a cidade dunha agresión", engade, cuestión que transparenta o prexuízo que asocia o rural co tradicional, e o tradicional co normativo. Prexuízo que ten, como consecuencia, que as persoas LGBTQIA+ abandonen o rural, xa non só polas dinámicas transversais do capitalismo, senón para soster a súa identidade sexual e de xénero.

O Agrocuir, que comeza a súa campaña de micromecenado para a edición deste verán, foi un evento que abriu camiños

Porén, en Galicia semellan quebrar un pouco esas ecuacións. Nun artigo do 2020, Danny M. Barreto poñía como exemplo, xa a comezos do século XX, o caso de Elisa e Marcela, o primeiro matrimonio entre dúas galegas que, lonxe de buscar o anonimato na cidade, buscaron a convivencia na aldea. Tamén menciona outras iniciativas, como o foro organizado polo Sindicato Labrego Galego no 2017 sobre a diversidade sexual e afectiva no rural, o primeiro evento deste tipo na Unión Europea.

O FESTIVAL E O REFUXIO. Para Abel, "o Festival Agrocuir foi fundamental. Non podería existir un evento como o da Complutense sen o que ten feito o Agrocuir. Debémoslle visibilidade, a de saber que as espacialidades rurais poden soster as vidas queer", indica. Todas as persoas que integraron esa mesa coñecéronse, de feito, no festival. 

Adrián Gallero, Xacia Ceive, Ángel Trenado, Daniel Amarelo e Abel P. Pazos. EP
Adrián Gallero, Xacia Ceive, Ángel Trenado, Daniel Amarelo e Abel P. Pazos. EP

Adrián, que é parte da organización do encontro da Ulloa, considera paradóxico o protagonismo galego. "En Galicia aínda temos moito que facer no traballo en rede en comparación co País Vasco ou Cataluña. Quizais o sorprendente non é que haxa máis iniciativas aquí, que seguro as hai noutros lugares, senón que nos estamos interconectando", comenta. Precisamente a esa interconexión ten favorecido o festival.

"Máis alá dos dous días de festa, serve de lugar de encontro", comenta Adrián, que recorda que o festival ten por obxectivo defender as diversidades sexuais e de xénero e tamén a vida sustentable no rural. "Vivimos nun mundo patriarcal, machista e racista, e tanto en Madrid como en Monterroso podemos atopar exemplos terribles disto. Porén, sempre se fala do difícil que é ser homosexual no rural, pero non do difícil que é a vida na cidade, ter unha casa ou unha comunidade de apoio. Se falamos, é importante falar de todo, non só das dificultades do rural. Penso que na pandemia deuse certa xustiza histórica coa xente da aldea que, por unha vez, non o pasou peor nunha crise", indica.

Falar e nomear é importante. O mesmo festival cambiou o nome de Agrogay co que naceu, consciente do que ficaba fóra del. «Nestes anos temos aprendido moito, por exemplo con Xacia Ceive, de Sete Outeiros», indica. Ela advirte de termos coidado nas palabras coas que nomeamos ás persoas trans. «Non temos unha condición especial, como teño lido. Falar así marca o que é normal do que non o é, e esa desigualdade é o que crea as condicións de violencia», indica.

Adrián Gallero (cara ao centro da imaxe), coas persoas organizadoras do Agrocuir, e Xacia Ceive.
Xacia Ceive. EP

Se o Agrocuir é a festa, Sete Outeiros é refuxio. Un refuxio para persoas trans que precisan recollemento ou mesmo un ambiente de coidado para transicionar. Sobre esa representatividade na liña de frente das ruralidades queer, esta norteamericana que impulsou a iniciativa colectiva comenta que "en Galiza hai unha flexibilidade e xenerosidade para proxectos diversos que vai na propia cultura" e defende a comodidade que, como muller trans, lle deu o rural galego.

Para ela, o mito do rural coma lugar hostil para o colectivo ten máis que ver coa familia, "un dos espazos sociais nos que é máis difícil traballar este tema, e que fixo fuxir a moitas persoas". Para Xacia, se é certo que o urbano permite cambiar de círculo cando unha situación desagrada, a ventaxa do rural é que "traballa as relacións profundamente, o que deriva en cambios máis transformadores". Rural e urbán, ao final, teñen vantaxes e desvantaxes, e ningún é lugar idílico. "Nos últimos anos vexo a alegría de vivir novas vidas de liberdade, pero tamén esa parte da sociedade que reacciona e ten o seu rostro máis perigoso na extrema dereita", di. Porén, guste ou non, a diversidade sempre existiu, tamén aquí, tamén na aldea.

comentarios