A provincia contará con catro novos viveiros industriais

Os novos servizos implantaranse nos polígonos de Portomarín, Castro de Rei, O Corgo e Paradela

Polígono industrial de Paradela. AEP
photo_camera Polígono industrial de Paradela. AEP

Os municipios de strong O Corgo, Castro de Rei, Portomarín e Paradela víronse beneficiados cun programa de axudas a nivel autonómico que promove a implantación de viveiros industriais nos seus respectivos polígonos empresariais.

O anuncio realizouno o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, quen explicou que a Xunta mobilizará un total de 2,36 millóns de euros a este programa, no que se inclúen outros tres proxectos máis, en concreto, en Silleda (Pontevedra), Vilar de Santos (Ourense) e As Somozas (A Coruña).

Todos estes concellos beneficiarios recibirán unha axuda que, como máximo, suporá o 80% do total do investimento cun límite de 240.000 euros. A realización do proxecto deberana facer antes do 31 de outubro deste ano e cada un destes sete concellos beneficiarios deberá convocar entre xaneiro e xuño de 2020 un procedemento para seleccionar as empresas que se poderán instalar nestas infraestruturas.

O Corgo contará, grazas a este programa, cun apoio de 240.000 euros para implantar o seu viveiro industrial. A instalación poderá albergar ata sete empresas nunha superficie de 822,34 metros cadrados dos que máis de 500 se destinarán ás diferentes empresas e o resto da superficie a servizos comúns.

A mesma cantidade de 240.000 euros é a que tamén recibirá Castro de Rei para o seu polígono de Castro de Ribeiras de Lea. Esta instalación contará cunha superficie de 863 metros cadrados, que se distribuirán entre as tres empresas que poderá albergar.

Portomarín contará, pola súa banda, cun viveiro de 418 metros cadrados con capacidade para tres empresas. Para poñer en marcha esta infraestrutura, a Xunta destinou unha axuda de 175.000 euros.

O viveiro industrial de Paradela terá, pola súa banda, capacidade para cinco iniciativas empresariais. A instalación contará cunha superficie dun total de 1.437 metros cadrados, mentres que a axuda concedida pola Xunta para a súa posta en marcha é de 240.000 euros.

A Xunta confía en que a posta en funcionamento destas novas infraestruturas supoña, no seu conxunto, o nacemento dunha trintena de novas empresas de carácter industrial.

Comentarios